A Xunta escolle Madrid para presentar a grande exposición do Ano Laxeiro

O Museo de Pontevedra, con motivo do Día das Artes Galegas que se celebra esta sexta feira, desenvolverá durante todo o mes de abril visitas guiadas pola obra do autor e talleres creativos para rapazas e rapaces da man de Migallas Teatro, combinando a obra do artista coa expresión plástica, dramática e a música.
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, na presentación da exposición en Madrid. (Foto: Europa Press)
photo_camera O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, na presentación da exposición en Madrid. (Foto: Europa Press)

A Xunta da Galiza decidiu iniciar a andaina da grande exposición prevista polo Ano Laxeiro cunha presentación en Madrid. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, foi o encargado de abrir este primeiro acto na segunda feira na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, xunto coa conselleira de Cultura da Comunidade de Madrid, Marta Rivera da Cruz. A exposición 'Foi un home. Laxeiro en América (Bos Aires, 1950-1970)' é o título desta mostra que se exhibirá en París, Madrid, Compostela e Lalín para homenaxear ao pintor. 

Lalín e Madrid, puntos de partida

A exposición, comisariada por Carlos Bernárdez, estrearase no Museo Ramón María Aller de Lalín, onde permanecerá do 6 de abril ao 5 de xuño. A seguinte estancia será na Real Academia de Belas Artes de San Fernando (Madrid) do 22 de xuño ao 24 de xullo.

De volta na Galiza, o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura acollerá a mostra do 29 de setembro ao 18 de decembro. Terminará o seu periplo, xa no 2023, do 19 de xaneiro ao 26 de febreiro no Instituto Cervantes da capital francesa. 

A exposición reúne 40 pezas procedentes de coleccionistas privados e de diversas institucións. As obras seleccionadas céntranse nas dúas décadas (1950-1970) con obras como 'Foi un home' (1963) ou 'O espanto' (1962). Ademais, a restrospectiva complétase con pinturas de autores como Maside, Prego de Oliver, Seoane ou Julia Minguillón. 

Por outra parte, o Museo de Pontevedra, con motivo do Día das Artes Galegas que se celebra esta sexta feira, desenvolverá durante todo o mes de abril visitas guiadas pola obra do autor e talleres creativos para rapazas e rapaces da man de Migallas Teatro, combinando a obra do artista coa expresión plástica, dramática e a música.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios