Até o 3 de setembro

Últimos días para visitar a exposición de Vari Caramés

A mostra do fotógrafo ferrolán que leva por título Ventá ao insólito poderá visitarse até o vindeiro domingo 3 de setembro na Sede Afundación de Santiago de Compostela.

photo_camera

Ventá ao insólito constitúe unha retrospectiva sobre a obra do fotógrafo ferrolán Vari Caramés. A exposición está conformada por 67 obras a través das cales Caramés enlaza a fotografía coa literatura de Julio Cortázar e o seu relato Ventanas a lo insólito, en Papeles inesperados. En palabras do fotógrafo, “a regra do xogo é a espontaneidade”.

A comisaria da exposición, Asunta Rodríguez ve na exposición “un conxunto de pinceladas” que constitúen unha viaxe do fotógrafo ferrolán cara ao interior e convidan a imaxinar historias e a sentilas como propias.

Vari Caramés, nado en Ferrol en 1953, é un dos artistas galegos con maior proxección e recoñecemento a nivel nacional e internacional. A súa obra posúe un estilo moi definido e fácil de identificar. No ano 2016 recebeu o Premio Pilar Citoler pola súa traxectoria profesional.

Comentarios