Máis

O último faro da ría de Vigo

O cabo Silleiro delimita a entrada ao Atlántico
Cabo Silleiro
photo_camera O faro do cabo Silleiro localízase a 85 m sobre o nivel do mar, a pouca distancia do centro de Baiona.

Na costa de Baiona, a  uns 5 km do núcleo de poboación, localízase o Faro Silleiro, unha estrutura de grandes dimensións que marca o límite entre as Rías Baixas e a costa aberta do océano Atlántico.

Este edificio presenta planta rectangular e na súa fachada oeste está a torre do faro, que desde 1960 ten unha lámpada de 3.000 W que se pode divisar a 40 millas se a climatoloxía do lugar o permite.

Ademais da sirena, ten un emisor eléctrico de 200 millas de alcance. Hoxe é un dos puntos principais de orientación dos navíos que sucan as augas.

O faro pertence á Autoridade Portuaria de Vigo. A pesar de que o interior non é visitábel, moitas persoas achéganse á zona para coñecer a contorna.

O cabo Silleiro é un enclave natural que pola súa situación estratéxica constitúe un punto turístico moi interesante. Nas súas proximidades, ademais da contorna natural, pódense atopar os restos do antigo faro, que desapareceu a causa dun fogo. Na zona tamén se poden contemplar as ruínas dun vello cuartel militar.

O Faro Silleiro orixinal foi inaugurado en 1866. No século XIX o alumeamento aínda era moi rudimentario. Naquela época empregábase a modo de combustíbel unha lámpada de mecha de aceite vexetal. En 1909 comezou a funcionar cunha lámpada de petróleo. En agosto de 1924 inaugurouse o novo edificio que albergaría o faro a 85 m sobre o nivel do mar, no alto do monte, tal e como se ve na actualidade.

En 1950 incorporouse unha lente que lanzaba un feixe aéreo cun ángulo de 70 graos. Durante un período de tempo integrou unha rede de axuda e comunicación cos faros que se localizaban nos cabos Vilán e Fisterra, na Costa da Morte. En 1932, o faro situado no cabo Silleiro comezou a funcionar con electricidade, abandonando o petróleo.

Desde as inmediacións do cabo pode observarse a paisaxe rochosa que caracteriza a costa de Oia. Cara ao norte, as illas Cíes presiden a fotografía marítima que se prolonga no horizonte. Un pouco máis cara á dereita obsérvase a silueta da fortaleza de Monteferro.

Comentarios