Conversamos coa artista sobre os seus novos traballos

Ugia Pedreira: "Comezo unha nova etapa artística con A Pedreira"

É unha das voces máis destacadas do música galega e formou parte de proxectos tan recoñecidos como as bandas Chouteira ou Marful, ou a A Central Folque.
7699cc1c-41ea-4c4e-988c-9b5d02e2f0c5
photo_camera A cantante Ugia Pedreira.

—A súa actividade creativa non cesa, sexa cos concertos, sexa na compaña da Marina Oural... Que tanto mudou a escena esta "nova normalidade"?
Será que o normal é que acontezan cousas diversas ou está todo controlado e manipulado por un supremo? Non sei. Levo confinada polo menos sete anos, e moitos deles non vivín escenarios “normais”. Fixen o primeiro concerto soa promovido pola dona da Casa A Pedra, en Tapia, espazo sobrado para estar ben e sen presións protocolarias institucionais que restan enerxía. Por este mesmo motivo abrimos o escenario natural da Oficina, o prado de Piego de Marina Oural e familia. Un lugar para experimentar o son branco, no Val de Lourenzá, onde comezamos a programar e, até o de agora, a cubrir todas as prazas.

—Xa que fala do confinamento... Moita xente da arte tiroulle moita creatividade, e vostede?
Dediqueime a estar en maior atención coa familia e coa veciñanza e as amizades da contorna. Compuxen cancións, como sempre desde nena. Escribín algún proxecto, poemas e filosofadas varias. Algún dos poemas traducíronmos ao alemán e aí quedei fascinada por días. Rachei o bloqueo que tiña a pintar, ás veces penso que fago fotografías, poemas e cancións porque non teño desenvolvida a parte pictórica. Tanto na oficina como na casa temos incrustado temáticas de neurociencia que teñen a ver con cambios de rumbo, como a variación lle ofrece ao cerebro a riqueza para crear novas posibilidades e polo tanto o poder da diferenciación é manterse activo e isto ten que ver con manterse a salvo. Andei tamén en conversas sobre o declive da institución como dicía Dubet, de como a sociedade fabrica individuos suxeitos ao marco da actividade profesional organizada e cal é a conciencia de mediación entre valores e vencellos sociais no que chamamos traballo e isto tamén no que chamamos “cultura”.

—Fálenos dos seus proxectos con Marina Oural, no nivel performativo pero tamén nesas outras actividades que teñen que ver coa arte e tamén coa saúde.
A nosa oficina leva en funcionamento oito anos e traballamos na práctica da arte como canle para a mellora da saúde individual e colectiva. Principalmente desde a música, a poesía e o movemento. Facemos asistencia e direccións escénicas, como por exemplo Inmersión de Guadi Galego ou o taller- festival Inclusiones, da Fundación Edes. Tamén facemos acompañamento ao palco de grupo ou de individuo, pondo énfase no apoio de puntos recónditos persoais ineludíbeis na creación. Atendemos proxectos nacidos no rural e ambas as dúas vimos dunha xestión cultural pouco ortodoxa, máis baseada no que se aprende do proceso da agricultura e dos coidados dunha casa ampla de aldea con prados e montes. Esa segue a ser a nosa distinción e maior escola. Ambas somos moi analíticas e construtivas coa causa comunicativa en escena e o espectáculo esculpímolo a favor da curación e do transcurso da educación dunha mesma. Palcos hainos por todos os lados, desde o momento en que te pos diante doutra persoa. Fixemos como autoras as nosas propias performances con apoio doutras artistas arriscadas, e fixemos a conxunta 1faba1vida, que naceu na Bretaña nunha carpintaría de ribeira e continúa a darnos moitas alegrías.

—En que novo proxecto están a traballar agora?
Estamos co lanzamento do primeiro ciclo de poesia interdisciplinar chamado Goxo de Pano Fino. E o 19 de setembro estaremos no proxecto Concomitentes. org, en Betanzos, onde faremos una coreografía social-ofrenda ao legado dos Irmáns Naveira, un proxecto de participación social onde o xogo convida á cohesión e as áureas creativas a tentar crer no talento de cadaquén en cooperación e coinspiración, unha quimera quizais para un mundo máis honorábel?

—E que hai dos outros proxectos, como La Comuna del Barruzo ou Enredadas, onde comparte escenario con Martirio, Uxía e Carmen París?
Posto que teño nena de alto risco na casa optei por renunciar aos concertos que tiña con Enredadas na Península e agradezo infinitamente ás compañeiras a súa leal comprensión. En canto á Comuna estamos a espera dalgún apoio económico para volver facer outro disco-libro, vemos a recepción cariñosa das familias e crianzas do occidente Asturiano e da Mariña, pois non hai moito material en galego-asturiano ou mariñao. Antes da corentena comecei un proxecto co cineasta Eloy Couceiro, composición musical, tempo ancho e traballo de artesáns novos, empoderamento do territorio rural. Tamén fixemos un minidocumental para a "Cidade da Cultura" asturiana, La Laboral, un concerto online en Mieres e unha gravación de temas para Lugo.

—Que é iso d'A Pedreira?
Todo isto levoume de maneira natural para cumprir un soño ou un reto comigo mesma. Darme licenza a facer escena eu soíña coas miñas cancións, poemas e aparellos sonoros. E coa complicidade e coa axuda do meu compañeiro Pierre, tiven o pulo de alzar o apelido e comezar unha nova etapa artística como A Pedreira, así me chamaba a xente do oficio, pois... Estarei no festival Maré Atlántica da Música e das Artes, no Auditorio da Galiza en Santiago. Ao decidir tal salto, a vida deume algunha sorpresa para cantar no querido Portugal, ou na Bretaña, onde tamén me sentín con ampla escoita. Con medo si, vou confiar nos meus diamantes brutos, as miñas novas cancións para alimentar a familia, e nese imaxinario de trobadora de aldea, de filla do Cantábrico e dos pobos marítimos del, que vai co seus tomates “mar azul” e pensamento musical alí onde sexa acaído ao meu sentir e pensar.

Comentarios