Contracultura

Eutropio Rodríguez: "Ton van Vliet é unha persoa extremadamente sensíbel cun gran respecto polo que fotografa"

Eutropio Rodríguez, fotógrafo, é o editor de O pálpito interior, que, da man de A Central Folque, recolle as imaxes realizadas polo holandés Ton van Vliet en Agolada nas décadas dos 70 e os 80. Rodríguez relata o proceso de selección das máis de catro mil instantáneas e aborda a cuestión da mirada estranxeira, xa que, como el di, “Ton calculaba unha distancia de medio século entre o que el vivía en Rotterdam até a Galiza dese momento”.
Eutropio Rodríguez descubriu o traballo de Ton van Vliet a través de Facebook (Foto: Sonia Franco Torres).
photo_camera Eutropio Rodríguez descubriu o traballo de Ton van Vliet a través de Facebook (Foto: Sonia Franco Torres).

Como xorde O pálpito interior?

Na colección Cámara Escura de A Central Folque intentamos desenvolver dúas liñas paralelas, unha con imaxes de tradicións e outras con fotógrafos antigos referidos á Galiza. Unha cuestión que me interesa moito son os fotógrafos estranxeiros, porque dan outra visión do país. A Ton van Vliet descubrino en Facebook porque un amigo seu de Agolada ía compartindo algúns dos seus traballos. Así, atopei a súa páxina web e desde o primeiro momento foi todo perfecto. 
Nun primeiro momento envioume arredor de 200 fotografías, mais logo acabamos xuntando entre catro e cinco mil. Revisándoas todas unha e outra vez e falando case todas as semanas decidimos estabelecer cinco bloques: vida, retrato, traballo, paisaxe e relixión. A partir de aí o que fixemos foi articular unha historia en cada un dos capítulos, que é a parte máis difícil: esa estrutura interior que fai que quedes co sentimento e coa emoción.
 
Cal é a mirada de Ton van Vliet sobre Agolada?

Como editor, descobres moitas cousas do profesional e da persoa que fai esas imaxes. Con Ton, eu apuntáballe cousas que el sabe, mais que non era quen de recoñecer, por exemplo, que é unha persoa extremadamente sensíbel, que ten un gran respecto polo que fotografa, mais tamén ten unha capacidade estética e humana para achegarse a determinadas situacións. E isto é algo que me gusta moito dos traballos doutros fotógrafos e que realmente foi o que me moveu a min a dar o paso de editar este libro: o seu modo de ser. 

Ton calculaba unha distancia de medio século entre o que el vivía en Rotterdam até a Galiza dese momento, unha distancia moito maior que a que había en quilómetros, a pesar de que nese momento non había autoestradas no Estado. Eu tiña dez anos cando Ton estaba aquí e lembro que ese foi o momento no que comezou a mudar o país, cando comezou a aparecer a primeira maquinaria e melloraron as estradas. Esteticamente, no primeiro momento no que vén a Galiza, en 1978, el estaba na escola de fotografía e nótanse as influencias que ten doutros traballos e tamén ten un estilo que vai mudando.

Nos primeiros anos é un pouco máis ruidoso, mentres que nas súas últimas viaxes aquí en 1984 é máis sintético, máis certeiro. Isto tamén é algo que me interesa moito: como muda o estilo segundo o traballo que esteas facendo ou o momento que esteas vivindo. 
 
O texto que abre o libro é de Luisa Castro. Por que facer esta escolla?

En primeiro lugar, se ben en A Central Folque estamos abertos tanto a escritores como a escritoras, tamén é certo que a calidade delas na Galiza é moito maior que a deles. Por outra parte, hai un ano pregunteille a Ton quen lle gustaría que lle escribira ese texto inicial, xa que contabamos con certa liberdade: podía ser de Holanda ou da Galiza. E o nome que me deu foi o de Luisa porque hai anos atopara nunha libraría en Ámsterdam unha obra dela traducida ao holandés. Era O somier, mais traduciran o título para que aparecese a palabra Galiza e el, ao recoñecela, decidiu mercalo. 

Despois de lelo, quedou impresionado e xustamente eu penso que este texto que escribiu estará dentro duns anos incorporado dentro doutro libro dela ou nunha antoloxía de textos de escritoras galegas. Ao principio ela foi moi cauta e pediu unha selección de fotografías para saber o que íamos facer co libro, mais o valor específico e a calidade que achega o texto é marabilloso, porque ela fía de maneira moi intelixente os recordos do seu tío, que era fotógrafo familiar, e como o identifica con Ton. É moito máis que unha mera introdución, é un agasallo dentro do libro. 

Comentarios