"Todas con Rosalía", os chíos levan seu nome e seus versos

A AELG actualiza a cada pouco na súa web as homenaxes que a día de hoxe se celebran arredor arredor da poeta polo país enteiro. Desde recitais até graffitis en centros de ensino, recitais por toda parte, homenaxes sorpresa e un abrazo colectivo á poeta.A Fundación presidida por Anxo Angueira ofrece toda unha xornada de festa de aniversario. As redes ferven co seu nome e seus versos. 

Graffiti de Rosalía
photo_camera Graffiti de Rosalía

O Día de Rosalía, sen ter sido recoñecido oficialmente pola Consellaría de Cultura, prende na sociedade  nas máis diversas fórmulas. Os graffitis aos que convidou a AELG mais os “selfies” ou autofotos que promoveu a Fundación son algúns dos exemplos que máis están a revolucionar as redes sociais, ámbito no que, de maneira singular se están a apagar as velas do 177 aniversario da poeta. 

Desde medianoite, as “autofotos” comezaron a colarse nas redes sociais, algunhas delas de persoas singulares da nosa cultura que se retrataron ao pé da obra ou de motivos rosaliáns. Hainas que buscaron espazos relacionados coa biografía da autora, outras quixeron aparecer nunha foto conxunta coa poeta e moitas optaron por botar man da obra ou de motivos como camisolas, brincos ou autocolantes coa iconografía da autora de “Follas Novas”. 

A páxina da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua galega está a facer seguimento da multitude de actividades organizadas por centros de ensino e diversas entidades para honrar á escritora no Día de Rosalía, máis colectivo que nunca. Actos promovidos ou realizados en Facultade de Filoloxía e Tradución na Universidade de Vigo, Biblioteca do Centro Ágora, Museo Provincial de Lugo, Local da Asociación de Mulleres de Moaña, Asociación Cultural Vagalumes, Biblioteca Pública da Rúa, Teatro Principal de Pontevedra dentro do programa “A memoria das Mulleres”, galería Sargadelos de Ferrol ou a  Asociación Cultural Barbantia son algunhas das actividades que se recollen na páxina na xornada de máis dinamismo das convocadas pola AELG. En Ourense, vinte colectivos participan nun día de festa cun programa no que inclúen unha exposición sobre a iconografia de Rosalía de A Bela Auria no Museo do Barrio e un acto central que se iniciará ás 19.30 con saída da praza da Estrela até o Liceo no que se convidará a participar no acto central que terá lugar ás 20.00 horas, presentado por Xosé Lois González con poemas e música.

Centros de ensino, graffitis e autofotos 

Máis de vinte centros de ensino penduraran xa a media mañá os seus programas e as súas iniciativas para honrar á poeta entre as que se atopaban os “graffitis” poéticos aos que, desta volta, convocou a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega. 

Por medio do hasthtag #euRosalía, xa se pode achegar ás “autofotos” que a Fundación Rosalía promoveu a través das redes sociais. A imaxinación, a homenaxe, a ironía e mesmo propostas de poesía visual recóllense neste repositorio automático no que Rosalía é a protagonista dunha acción colectiva na rede. 

A Fundación aproveitará a xornada para realizar o peche simbólico do 150 aniversario da publicación de “Cantares Gallegos”, coa realización do programa “Diario Cultural” dirixido por Ana Romaní desde a Matanza de Padrón e a presentación do libro-cd  “De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no Século XXI" no que colaboran 36 poetas que recrean os poemas de Rosalía de Castro, emitidos con anterioridade no programa dirixido por Ana Romaní. Para as 19 horas na Casa Museo Rosalía de Castro en Padrón terá lugar o acto de presentación coa participación de Xose M. Álvarez Caccamo, Marilar Aleixandre, Elvira Ribeiro, Celso Fernández Sanmartin, Dores Tembrás, Marga do Val, Gonzalo Hermo e Eduardo Estevez, entre outros. 

"Todas con Rosalía", desta volta, as escritoras

Dando continuidade á iniciativa do pasado ano, a AELG difunde tamén o audiovisual "Todas con Rosalía", unha lectura colectiva por parte dun grupo de escritoras da obra da autora de "Follas Novas".