Titiriberia espalla monicreques por Rianxo

O festival de bonecos tradicionais, que celebra entre o 24 e o 30 de xullo a súa oitava edición, descentralizará un ano máis o seu programa ao repartir as actuacións, conferencias, mostras e obradoiros entre as diferentes parroquias do municipio rianxeiro.
Un dos bonecos de Kukas nun escaparate de Rianxo.
photo_camera Un dos bonecos de Kukas nun escaparate de Rianxo.

O Titiriberia, Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo, celebra en Rianxo entre os días 24 e  30 de xullo a súa oitava edición. Para ir abrindo boca, Titiriberia inaugura esta semana unha singular exposición que servirá para estreitar a relación do festival coa veciñanza da vila: a histórica compañía Os Monicreques de Kukas decorará, grazas á colaboración da Asociación Rianxeira de Empresarios (ARE), os escaparates de doce estabelecementos con bonecos do seu repertorio artístico. 

Así, o Titiriberia coarase no día a día de Rianxo ao distribuír polo comercio local títeres de diferente formato construídos por unha das compañías pioneiras da escena galega dos bonecos. 

Aniversario de Airiños

Outro nome histórico do teatro terá protagonismo nesta edición: Teatro Airiños celebrará o seu noventa aniversario no festival. Esta formación, esencial tanto no sector cultural coma no tecido asociativo de Rianxo, volverá colaborar con Tititriberia por unha dupla vía: participará no Varietés de Barriga Verde, o espectáculo de variedades que produce o festival cada ano e na que acompañará os números que ofrecerán artistas e compañías como Títeres Alakrán, Ura Vázquez, Santi Prego, a compañía vasca Ostomila ou Natalia Outeiro Pajarito.

O espectáculo, o día 28 de xullo, contará con Clara Gayo como presentadora e co acompañamento musical do Cuarteto da Escola de Música de Rianxo. 

Airiños será a encargada de poñerlle o ramo á oitava edición de Titiriberia cunha función de República Sideral, obra escrita pola tamén rianxeira Esther Carrodeguas e que foi merecente en 2020 do XIV Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques.

Comentarios