O festival Titiriberia pon o foco este ano na comunidade lusófona

Compañías do Brasil e Portugal achegarán a Rianxo, do 24 ao 30 de xullo, os seus espectáculos de monicreques.
Detalle do cartaz do Titiriberia deste ano.
photo_camera Detalle do cartaz do Titiriberia deste ano.

O festival Titiriberia celebrará a súa oitava edición en Rianxo (O Barbanza) entre o 24 e o 30 de xullo, na que se porá o foco no mundo lusófono con espectáculos de monicreques da Galiza, Brasil e Portugal. Desde a Asociación Cultural para a recuperación do Monicreque Tradicional Galego, que organiza este evento, salientan que o festival será descentralizado, pois repartirá as súas actuacións, conferencias, mostras e talleres entre as diferentes parroquias de Rianxo.

Aliás, o apartado internacional deste ano dirixirá a súa atención ao mundo lusófono ao abordar o teatro popular de marionetas do Brasil e Portugal, pois diferentes compañías destes dous países ofrecerán as súas actuacións e talleres ao público do popular festival.

A compañía brasileira Trapusteros Teatro presentará o espectáculo Marieta e o Boi Bumbá, unha peza do xénero 'mamulengo', unha tradición popular de bonecos brasileiros que en 2015 recibiu o título de Patrimonio Inmterial do Brasil.

O mamulengo, ademais, protagonizará unha das grandes exposicións deste ano en Titiriberia. A mostra, titulada Mamulengo, teatro popular de monicreques do Brasil, inclúe máis de 30 monicreques físicos e 40 fotografías deste xénero.

A mostra completarase con visitas guiadas a cargo da profesora Izabela Brochado, docente xubilada da Universidade de Brasília e investigadora da Unión Internacional de Marionetas (Unima), e do titiriteiro Marcos Pena, membros ambos os dous da compañía Trapusteros.

Brochado e Pena tamén impartirán un curso de formación a sexta feira 28, o sábado 29 e o domingo 30 de xullo que versará sobre o mamulengo. Está destinado a maiores de 16 anos que queiran coñecer de perto a dramaturxia e as personaxes propias desta tradición brasileira, ou achegarse á técnica dos monicreques de luva. As inscricións, abertas até o 20 de xullo, poden tramitarse a través do correo [email protected].

Comentarios