Titiriberia celebra 10 anos con sete estreas e unha homenaxe a Títeres Alakrán

A vila de Rianxo acolle en agosto a décima edición da mostra.
titeres
Títeres. (Foto: CCG)

O Festival Titiriberia celebra a súa décima edición en Rianxo do 12 ao 17 de agosto, cunha programación que inclúe sete estreas absolutas e unha homenaxe á compañía Títeres Alakrán, que cumpre 25 anos de traxectoria.

O evento, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio de diversas institucións como o Concello de Rianxo, a Xunta da Galiza, a Deputación da Coruña e o Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM), consolídase como referente do monicreque tradicional en Galiza.

Entre as estreas escénicas, destacan as novas propostas de catro compañías galegas: Trécola Producións, A Cova das Letras, Seisdedos Marionetas Tradicionais e Teatro Airiños. A estas súmanse dúas producións colectivas impulsadas polo propio festival: A festa dos títeres, unha ruada inaugural que percorre as rúas desde o Auditorio na terza feira 12, e As varietés de Barriga Verde, un espectáculo de variedades previsto para a quinta feira 14 no Campo de Arriba.

No apartado das compañías, Trécola presentará Pituquito Literal en Asados a quinta feira 14; A Cova das Letras levará Costureiriña bonita á praia de Tanxil a sexta feira 15; e Seisdedos presentará Teatro de mochila e Cantar do ano o sábado 16. Tamén ese día, Teatro Airiños estreará Os casos da Feira Vella.

Paralelamente, Títeres Alakrán protagoniza a tradicional exposición en escaparates, grazas á colaboración con ARE (Asociación Rianxeira de Empresarios). A mostra, baixo o título de 25 anos de Títeres Alakrán, está repartida en dez estabelecementos da vila e poderá visitarse até o 18 de agosto. Alakrán, ademais, participa no programa con dous espectáculos: O Xigante Barriga Verde e A vella do gaiteiro.

Comentarios