A Terraza modernista de Sada, Ben de Interese Cultural

Construíuse orixinalmente na Coruña
terraza de sada
photo_camera A Terraza de Sada. Foto: Concello de Sada.

A Terraza de Sada non se construíu en Sada. A súa primeira localización foron os xardíns de Méndez Núñez, na Coruña. Era 1912. Sete anos despois, desmontárona, e en 1920 reapareceu no paseo marítimo de Sada, onde se atopa na actualidade. Trátase dun dos exemplos máis emblemáticos do modernismo galego e esta semana a Xunta declarouna Ben de Interese Cultural (BIC).

"Representa un caso único de conservación entre os inmobles modernistas desta tipoloxía e función, de asueto e lecer" na Galiza, sinalaba o Goberno na nota do Consello desta quinta feira que recollía a inclusión do edificio como BIC.

Madeira, ferro e vidro son os materiais da Terraza, deseñada polo arquitecto Antonio López Hernández. Formas redondas e onduladas amosan a pegada naturalista no movemento modernista da época, segundo explica a páxina web do edificio, hoxe un café restaurante con sala de concertos vinculada ao jazz. A fachada da Terraza ten máis de 200 metros de lonxitude. A construción consta dun semisoto, un andar baixo e un andar primeiro. Erguida sobre piares de madeira, que sosteñen o conxunto, enormes fiestras combinadas danlle o seu trazo característico.

Comentarios