Terra do folión: tres concellos asociados polo entroido

Os concellos de Viana do Bolo, Manzaneda e Vilariño de Conso veñen de presentar Terra do folión. A maxia comeza aquí, proxecto que aglutina de maneira conxunta a programación do entroido deste ano.

Entroido_de_Viana_do_Bolo_2018_-_08
photo_camera Entroido de Viana do Bolo

Esta campaña expúxose na Sala Eisenman da Cidade da Cultura, nun acto no que participaron a alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía, o alcalde de Viana, Secundino Fernández, e o de Manzaneda, Amable Fernández. Ademais, estiveron acompañados polas máscaras principais dos seus Entroidos: os Boteiros e as Mázcaras, no caso de Manzaneda. Por outra banda, en representación da Xunta asistiu Carmen Pita. 

Os tres concellos únense para ofrecer un percorrido pola tradición do entroido. Así, o sábado 22 de febreiro propoñen unha primeira parada en Vilariño de Conso, onde se celebra o desfile de folións e a Festa do Cabrito. A súa personaxe principal é o boteiro, que dirixe o folión e, dependendo da zona, ten diferente pantalla. Aquí tamén se celebra a foliada, que resume o ano nas súas obras satíricas.

En Viana do Bolo o Domingo Gordo (23 de febreiro) os boteiros saen coas súas pesadas pantallas, pegando saltos e apartando a xente coas moncas para abrir paso a folións e carrozas. A gastronomía marca este evento coa Festa da Androlla, que celebra este ano o 50 aniversario.

A terza feira 25 a festa trasládase a Manzaneda, seguindo a figura da Mázcara, que deleita o  público bailando ao ritmo do folión. As súas obras en verso resumen tamén o ano en clave de comedia na foliada. Este día pódese gozar ademais do xantar popular.

Comentarios