O filme do director coruñés acadou dez dos quince galardóns aos que optaba

"A sombra da lei", de Dani de la Torre, gran triunfadora nos Mestre Mateo

A Academia Galega do Audiovisual tamén recoñeceu no evento que tivo lugar no Palacio da Ópera da Coruña a peza de debut no eido da longametraxe de Xacio Baño, "Trote", que recibiu cinco distincións. Ademais dos premios á excelencia dos traballos do ano pasado, a organización homenaxeou a Federación de Cineclubes de Galiza e a actriz Mela Casal co Premio de Honra “Fernando Rey” e co Especial “José Sellier”, respectivamente.

Aigi-Boga
photo_camera Foto de familia das premiadas [Aigi-Boga]

"A sombra da lei", Dani de la Torre, foi a protagonista indiscutíbel na XVII gala dos Premios Mestre Mateo que organiza a Academia Galega do Audiovisual e que, nesta ocasión, tivo lugar a pasada noite no Palacio da Ópera da Coruña ao acadar dez dos quince galardóns aos que estaba nominada.

O filme de Dani de la Torre foi recoñecido coas distincións á mellor longametraxe -de Vaca Films Studio, Atresmedia Cine, La Ley del Plomo AIE e Playtime Production Sarl- e á mellor dirección. Os académicos e académicas tamén recoñeceron a dirección de arte de Juan Pedro de Gaspar, a dirección de produción de María Liaño, a interpretación protagonista de Luís Tosar, a maquillaxe e perruquería de Raquel Fidalgo e Noé Montes, a montaxe de Jorge Coira, a música orixinal de Manu Riveiro e Xavi Font, o son de David Machado, James Muñoz e José Antonio Manovel e o vestiario de Clara Bilbao.

"Trote", o debut na longametraxe de Xacio Baño, fíxose pola súa banda con cinco dos galardóns da noite: mellor dirección de fotografía para Lucía C. Pan -que acada este recoñecemento por segundo ano consecutivo-, mellor guión para Xacio Baño e Diego Ameixeiras e case pleno nas categorías interpretativas con Melania Cruz como mellor interpretación feminina de reparto, Federico Pérez como mellor interpretación masculina de reparto e María Vázquez como mellor interpretación feminina protagonista.

"Idénticas", dirixido por Luis Avilés, gañou o premio ao mellor documental mentres que "Dinosaurio", de Carballo Interplay Producións, acadou o premio á mellor serie web. "A nena azul", de Sandra Sánchez, conquistou o de mellor curta de imaxe real e "Soy una tumba", o de mellor curtametraxe de animación. "Ti" fixo o propio co de mellor anuncio e "Ahora o nunca" (Pegatina feat Macaco) de Manu Viqueira, co premio ao mellor videoclip. "O sabor das margaridas" acadou o premio á mellor serie de TV, mentres que "Buscadores de naufraxios" gañou o de mellor programa de TV e Rodrigo Vázquez, o de mellor comunicador polo seu traballo no "Ti verás!" Completa os premios televisivos o de Sito Torres e Miguel Granero pola realización de "Álbum de viaxe".

Ademais de premiar a excelencia nas producións do pasado ano, a Academia Galega do Audiovisual aproveitou os Mestre Mateo para recoñecer a traxectoria de entidades e profesionais relevantes do audiovisual do país co Premio de Honra “Fernando Rey” e co Premio Especial “José Sellier”. Este ano, as homenaxes foron para a Federación de Cineclubes de Galiza e para a actriz Mela Casal, que o recolleu durante a cerimonia.

A gala destes XVII Premios Mestre Mateo estivo dirixida Sonia Méndez e conducida por Camila Bossa, David Amor, Xúlio Abonjo, Fernando Epelde e Carolina Iglesias. Este elenco de actores e actrices, cunha estética futurista, guiou o público a través dunha viaxe temporal polo audiovisual galego. Ambientado na ciencia ficción, o espectáculo contou cun vestiario creado especialmente para a ocasión polo deseñador David Méndez Alonso; músicas e letras orixinais de Fernando Epelde; dirección de arte de Isa Vila e Ángel Amaro;  dirección de produción de Miriam Devesa; guión de Daniel Domínguez, Sandra Lesta e Sonia Méndez e dirección desta última.

Comentarios