mércores 14/04/21

Sira Vidal gaña o Certame de Relatos de Muller Matilde Bares

Coa obra “O espertar do teu nome”.

bueu premio

Sira Vidal Laxe gañou o XI Certame de Relatos de Muller Matilde Bares de Bueu coa obra “O espertar do teu nome”. O xurado, conformado por Eva Mejuto, Fátima Chamadoira e Arturo Sánchez Cidrás decidiu elixir este relato como gañador. Del destacaron que é unha historia a dous tempos que trata da descuberta dun segredo familiar que acaba facendo que a protagonista se enfronte con outra perspectiva ao seu futuro, no que se aborda o tema importante da emigración tamén vivida polas mulleres en Galiza e os prexuízos aos que antes e agora se viron sometidas.

A autora farase cunha dotación económica de 1.500 euros, e o relato publicarase proximamente da man do Concello. Este certame ten como obxectivos fomentar a igualdade entre homes e mulleres, a corresponsabilidade nas obrigas familiares e sociais e o debate arredor da violencia machista, e supón unha das principais liñas de actuación do goberno local en materia de igualdade.

O premio, nacido no 2005, rende unha homenaxe a Matilde Bares, mestra de labor recoñecida que se esmerou na preparación de ata tres xeracións na vila morracense, ademais de organizar actividades culturais e grupos de teatro. Nos seus inicios, este concurso erixiuse como unha referencia no sector literario, e ten premiado a persoas destacables no campo da cultura e a novas voces.

comentarios