Inma López Silva, a memoria de Mauthausen e as orixes do ecoloxismo galego, no 'Sermos Galiza'

O semanario 'Sermos Galiza', á venda durante toda a fin de semana xunto ao xornal 'Nós Diario' por 3,20 euros, vén cargado de novidades.
Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. A protagonista é, desta volta, a escritora Inma López Silva, cuxa obra mostra un xeito de entender o feminismo que deixa entrever, tamén, as nosas propias contradicións. Montse González fala con ela dos seus últimos libros.

"Todo o mundo está en contra da escravitude, da trata, pero a novela pregúntase que senten esas mulleres que non caeron na trata pero deciden deixarse violar por diñeiro. E tampouco digo que as mulleres o escollan libremente porque, até que punto é libre quen non atopa outra saída? Mais para min o problema fundamental é o puteiro", explica, a respecto da súa novela Escola de Mulleres (Galaxia).

Galegos en Mauthausen: loitar contra o esquecemento

A reportaxe coa que abre este novo Sermos asínaa Elvira Branco e rememora un dos episodios máis tristes da historia da humanidade, os campos de concentración do III Reich nazi, da man dos máis de 200 galegos que estiveron recluídos en Mauthausen, caracterizado por ter as condicións de detención máis severas e cruentas de Alemaña, entre os anos 1940 e 1945. Analizámolo da man do libro De Galicia a Mauthausen (Galaxia), de Alba Garrido Fernández.

"Intentei achegarme a eses camiños que seguiron aquelas e aqueles que tiveron que saír do país desde os primeiros momentos do golpe, e que non van rematar o seu exilio até a fin da ditadura, nalgúns casos. Noutros, tan sequera retornan", explica a autora a Sermos Galiza. "E escollín este tema tendo en conta o pouco estudada que está a historia dos campos de concentración aquí na Galiza, en comparación con outros contextos comunitarios como pode ser Catalunya, e en contraposición con ese exilio máis intelectual dirixido cara a América que está moito máis estudado", engade Garrido, facendo alusión a figuras como a de Daniel Rodríguez Castelao, Luís Seoane ou Florencio Delgado Gurriarán

De Rosalía a Adega: as orixes do ecoloxismo na Galiza

A segunda reportaxe deste número do semanario corre a conta de Ricardo Suárez, que fai un percorrido pola historia do ecoloxismo na Galiza, desde as súas orixes con Rosalía de Castro até a actualidade con organizacións como Adega. Camiñando sobre os ombreiros de referentes do galeguismo como Rosalía, Castelao e Otero Pedraio, coa súa indubidábel preocupación polas cuestións ambientais nun tempo no que ditas reflexións non eran comúns, non é algo de estrañar que incluso antes da morte do ditador Francisco Franco e da chegada da democracia ao Estado español, a sociedade galega fora quen, en 1974, de crear a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), legalizada finalmente en 1976.

"A Galiza ten unha cultura que se sintetiza coa natureza, que ten comuñón coa natureza, que non a ve como un perigo nin como algo a dominar, e iso persiste en nós, e como a máxima figura da cultura galega é Rosalía, está presente nela", explica a ecoloxista Adela Figueroa. "Tanto no século XIX como no XX, os principais autores galegos teñen aspectos relacionados coa natureza que son moi importantes, como no caso de Otero Pedraio coa integración da xeografía física na xeografía humana ou no de Castelao coas súas reivindicacións", afirma o tamén antigo presidente de Adega, Ramón Varela.

Literatura, música, cinema... E máis!

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Susana Sanches Arins analizan na sección de Libros as últimas novidades do ámbito editorial, a comezar por Unha boa gatucada! (Baía, 2023), de Pilar Pallarés e con ilustracións de Gaila González e Ana Pillado, e Alguén nos lembrará (Xerais, 2023), coordinado por Nee Barros.

No apartado musical, Belém Tajes analiza a obra de Chicharrón a través do seu disco O que nos queda por non dicir (Ferrol Records), ao tempo que o equipo de Sermos achega tamén as últimas novidades no sector da música da Galiza. Pola súa parte, César Morán asina un artigo titulado 'Dual Bettor: o passado que retorna. O universo numa cunca', no que fala do mítico tocadiscos.

E o experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Call Jane, dirixido e guionizado por Phyllis Nagy (EUA, 2022), así como outras recentes estreas na gran pantalla.

Aliás, o colectivo Xea achéganos ao sur da Serra do Suído na sección Andar e ver, mentres Manuel Xestoso, no apartado de Escena, analiza a obra O auto do Castromil, da compañía PT Excéntricas e dirixida por Quico Cadaval.

E o artigo que presenta este novo número do semanario asínao o escritor Lois Diéguez e leva por título 'Manifesto da dinamita'.

Por último, e como vén sendo habitual, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios