De selfies a graffitis e da poesía ás cartas nun colectivo Día de Rosalía

Pintaranse muros con spray, autorretratos dixitais con motivos rosalianos, descubriranse cartas, agasallaranse flores e a poesía sentirase por todo o país. Chega o Día de Rosalía e multitude de actos desenvolveranse promovidos por asociacións e organismos da cultura. 

Rosalía de Castro no cartel do acto de Pontevedra
photo_camera Rosalía de Castro no cartel do acto de Pontevedra

A vontade da AELG de que o Día de Rosalía teña carácter oficial e popular queda á vista no programa que cada ano preparan de cara ao 24 de febreiro, aniversario do nacemento da autora. Cita no calendario de actividades da entidade é xa a homenaxe no Panteón de Galegos Ilustres que, desta volta terá lugar o día 23 ás 12 horas con  lectura de textos e a ofrenda floral. Para o día 22, canda a Asociación Cultural O Galo e Solfa, ás 11 horas desenvolverase un recital na Praza de Vigo de Compostela, ao pé do lugar de nacemento da autora que continuará cun roteiro rosaliano guiado por Mercedes Espiño. 

Ademais de animar á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor nese día, a AELG convocou para o día 24 de febreiro o programa graffitiRosalía, dirixido a toda a sociedade galega, e especialmente aos centros de ensino de toda Galiza, para realizaren nos propios centros ou en espazos públicos coa colaboración dos concellos, ademais de lecturas da obra rosaliana, unha acción colectiva en torno á figura de Rosalía de Castro co obxectivo de visibilizar os seus versos en espazos públicos e comunitarios. A AELG solicitou tamén a concellos e distintas administracións a declaración oficial do día 24 como Día de Rosalía de Castro. 

Selfies e poesía 
 
Se a AELG convida a facer graffitis, a Fundación Rosalía de Castro promove unha acción colectiva en Internet para o día 24. Trátase de que cada quen, no país e en todo o mundo, realice unha “autofoto”,  popularizadas como “selfie”, con algún motivo relacionado coa poeta, un libro, unha placa, unha camisola... O obxectivo é que as imaxes se compartan nas redes sociais co hasthtag #euRosalía. 

A Fundación editará “De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no Século XXI", que suporá o peche do 150 aniversario da publicación da obra. A edición do libro-cd realízase en colaboración co Diario Cultural da Radio Galega e nel colaboran 36 poetas que recrean os poemas de Rosalía de Castro, emitidos con anterioridade no programa dirixido por Ana Romaní. O día 24 de ás 19 horas na Casa Museo Rosalía de Castro en Padrón terá lugar o acto de presentación coa participación de Xose M. Álvarez Caccamo, Marilar Aleixandre, Elvira Ribeiro, Celso Fernández Sanmartin, Dores Tembrás, Marga do Val, Gonzalo Hermo e Eduardo Estevez, entre outros..A Fundación organizará tamén unha ofrenda floral o día 24 ás 10.30 ao pé da estatua de Rosalía na Alameda de Santiago. 

As cartas de Rosalía 

No día do aniversario do nacemento o Consello da Cultura Galega presentará tamén o Epistolario de Rosalía de Castro, un conxunto de dezaseis cartas escritas pola poeta que teñen como destinatarios a Manuel Murguía, Ángel Baltar, Eduardo Pondal, Luís Tobío, Waldo Álvarez Insua e José M. Posada. O epistolario, dixitalizado e editado, poderase consultar no espazo web do CCG que inaugurou o epistolario de Luís Seoane. Contan engadir, posteriormente, as cartas recibidas por Rosalía de Castro. O presidente do Consello, Ramón Villares, a vicepresidenta e coordinadora dos actos do 150 aniversario de Cantares Gallegos, Rosario Álvarez e a investigadora e poeta María do Cebreiro, integrante do equipo de edición do epistolario, participarán no acto de presentación que terá lugar ás 12:00 na biblioteca do CCG. 

Memoria de Mulleres

Tamén en Pontevedra, dentro do programa Memoria de Mulleres, se conmemorará o aniversario de Rosalía cun recital poético no Teatro Principal ás 20 horas do día 24 no que participarán Marta Dacosta, Uxía Novás e Olalla Cociña. 

Vinte colectivos en Ourense

A iniciativa do BNG, vinte colectivos promoverán actos arredor da escritora que darán comezo pola mañá con actividades nos centros escolares e inclúen unha serie de iniciativas como a da Asociación de Panadeiros que repartirán o pan cunha bolsa conmemorativa, unha exposición sobre a iconografía´fia de Rosalía de A Bela Auria no Museo do Barrio e un acto central que se iniciará ás 19.30 con saída da praza da Estrela até o Liceo no que se convidará a participar no acto central que terá lugar ás 20.00 horas, presentado por Xosé Lois González con poemas e música. 

Comentarios