Premios Follas Novas

O sector do libro prepara a súa gran festa

Os galardóns de honra serán entregados a Ediciós do Castro, á libraría Númax de Santiago e á escritora mexicana Lydia Cacho.
Couto, Rosón, Domínguez, Varela, Alvarellos e Lourenzo, na presentación de onte.
photo_camera Couto, Rosón, Domínguez, Varela, Alvarellos e Lourenzo, na presentación desta cuarta feira.

A gala dos Premios Follas Novas do Libro Galego presentouse esta cuarta feira en Santiago como unha das grandes citas culturais do ano e como un evento que reúne todo o sector do libro. A entrega dos premios terá lugar o vindeiro sábado, 22 de abril, no Teatro Principal de Santiago de Compostela, a partir das 19 horas, nunha gala na que se coñecerán os gañadores das distintas categorías dos Follas Novas do Libro Galego e que será conducida por Patricia de Lorenzo, de Chévere Teatro, mentres que a parte musical correrá a cargo do grupo Mallou, gañador da última edición do premio Narf da Deputación da Coruña. 

Henrique Alvarellos, presidente da Asociación Galega de Editoras, apuntou esta cuarta feira a importancia do traballo realizado desde a primeira edición dos premios, “nos que se reuniron os tres sectores do mundo do libro para gañar visibilidade e proxección para todos”.

No mesmo sentido, a secretaria da Asociación Galega de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Diana Varela, sinalou que a gala e o conxunto dos premios supoñen non só “unha festa literaria, editorial ou libreira", senón "unha festa cultural para todo o conxunto da cultura galega”.

Ademais, Ramón Domínguez, presidente da Federación de Librarías da Galiza, cualificou os premios como unha “festa moi sólida que necesita o compromiso de todos para gañar visibilidade diante da sociedade galega”. 

Xurxo Couto, deputado de Cultura de A Coruña, sinalou que estes premios son unha maneira de ditinguir “as mellores obras e unha celebración da riqueza literaria e identitaria”.

Pola súa parte, Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta, apuntou que os Follas Novas son unha oportunidade de visibilizar máis o libro unha vez superada a pandemia, “unha época na que a xente volveu descubrir a lectura, o noso traballo agora é fidelizar eses lectores e lectoras”.

Para Mercedes Rosón, teniente alcalde e responsable de Cultura do Concello de Santiago, destacou a importancia de ver traballar ao conxunto do sector e que os “premios representan a excelencia creativa do país e o momento en que se encontran as letras e o sector do libro na Galiza”.

Cada unha das tres asociacións organizadoras entrega na Gala dos Follas Novas os seus premios de honra anuais. Os galardóns desta edición son para Ediciós do Castro, pola Asociación Galega de Editoras, "por ter contribuído de maneira tan decisiva á existencia do libro galego e por unha traxectoria que exemplifica como poucas o compromiso co saber e a literatura galega" e a libraría Númax, pola Federación de Librarías da Galiza, “unha libraría con inquedanzas, con curiosidade intelectual, con moitas actividades, e integrada nun espazo cultural cunha oferta que leva da man cine e libros”.

A escritora mexicana de orixe galega Lydia Cacho, "xornalista con raíces galegas, activista feminista e defensora dos dereitos humanos", foi nomeada pola AELG como escritora galega universal. A entidade que reúne as escritoras e escritores salienta con este recoñecemento o traballo de Cacho sobre o feminicidio en Ciudad Juarez e as súas investigacións sobre a prostitución infantil. 

Comentarios