11-N Día das Librarías

Librarías: entre o optimismo das vendas e a ameaza das plataformas

O Día das Librarías naceu como mecanismo de defensa ante a baixada de vendas despois da crise, mais foi adquirindo entidade propia para enfrontar os retos que encara o sector. A pandemia serviu para revalorizar a lectura. Agora a ameaza vén das plataformas multinacionais que operan online.
Interior dunha libraría.
photo_camera Interior dunha libraría.

Fixo falta unha pandemia para que a lectura cobrase protagonismo e ocupase de novo un lugar na actualidade. Este 11 de novembro celébrase o Día das Librarías e, para variar, afróntase desde un entusiasmo pouco habitual ao falarmos do sector. 

O último informe anual sobre hábitos de lectura e compra de libros no Estado español descobre que a lectura logrou máximos históricos durante o ano 2020. A lectura foi unha aliada durante o confinamento: incrementáronse o número de lectores, o tempo dedicado á lectura e tamén a compra de libros. O informe tamén revela que as librarías tradicionais seguen a ser a principal canle de adquisición de libros para o 71% do público. 

"Moita xente reconectou coa lectura na época do confinamento máis duro e acudían ás librarías de proximidade, o que nos outorga un recoñecemento neste momento no que as tendencias globalizadoras cédenlle protagonismo ás grandes cadeas virtuais", di Ramón Domíngues, da Federación de Librarías da Galiza

O optimismo deste informe é compartido pola Federación de Librarías da Galiza. Ramón Domínguez, o seu presidente, afirma en conversa con Nós Diario que “basicamente concordamos coa análise que se fai no informe. O ano pasado foi moi duro, vivimos unha situación moi traumática e chea de dúbidas, mais afortunadamente a maioría das librarías continuaron coa súa actividade e eu diría que con bos resultados. Na Galiza, polos datos que nós temos, aválanse as conclusións deste estudo. Para nós foi un alivio, e tamén hai que dicir que constituíu unha certa sorpresa atopármonos nunha situación onde había unha resposta tan positiva. Moita xente reconectou coa lectura na época do confinamento máis duro e acudían ás librarías de proximidade, o que nos outorga un recoñecemento neste momento no que as tendencias globalizadoras cédenlle protagonismo ás grandes cadeas virtuais. Iso actúa a favor do comercio local, dun tecido social que forma parte do día a día da cidadanía”. 

O Día das Librarías instaurouse no Estado, en 2011, para contrarrestar a caída en picado das vendas tras a crise de 2008, aínda que paulatinamente foi incorporando novos obxectivos. Un deles, talvez o de maior importancia agora mesmo, é o de frear a competencia das plataformas multinacionais (léase Amazon). Malia a euforia que se desprende do informe, o comercio electrónico avanza: o 38,4% das persoas que compran libros teñen Internet como lugar habitual de compra, mais esa porcentaxe ascende ao 49% na franxa de idade que vai entre os 25 aos 44 anos.

“Para a maioría das librarías, incluír a venda online como unha parte activa do negocio non foi doado”, explica Domínguez. “Competir nese mercado con multinacionais que teñen unha loxística potentísima é complicado. Desde a Cegal, a confederación que agrupa libreiros de todo o Estado, púxose en marcha o proxecto todostuslibros.com, unha plataforma que pretende conectar as librarías que traballan online para facilitar o contacto cos clientes. É moi difícil que unha persoa de Ourense entre na páxina web dunha libraría de Ferrol; mais se esa persoa está á procura dun libro concreto e descobre que esa libraría o ten no seu stock, xa está posibilitando a compra no comercio tradicional. A intención agora, a través dos fondos Next Generation, é potenciar esa ferramenta, para que teñamos máis facilidades á hora de competir nese mercado”. 

Henrique Alvarellos, presidente da Asociación Galega de Editores,  cre que todostuslibros.com é un intento que "parece non estar funcionando mal. Estamos nun momento en que as grandes plataformas ameazan un mercado xa de seu bastante fráxil, e calquera ferramenta que contribúa a amortecer esa ameaza é positiva". 

"Desde a Asociación Galega de Editores, cinguíndonos exclusivamente ao mercado, pensamos que iso debería ter un reflexo: de cada dez libros nun escaparate, polo menos dous debería ser galego", declara Henrique Alvarellos

O libro galego 

O elo máis débil, non obstante, continúa a ser o libro galego, que mantén cifras de produción e vendas á baixa: cada vez edítanse menos libros en galego e cada vez con tiradas máis baixas. “Creo que vivimos un momento de transición", declara Domínguez. "Os libreiros temos que ser conscientes de que o libro galego é un activo que debe formar parte da nosa actividade. Agora mesmo, o volume de vendas do libro galego a respecto da facturación total constitúe unha porcentaxe relativamente pequena na inmensa maioría das librarías, máis alá do libro escolar. Precisamos unha reflexión colectiva -editores, distribuidores e libreiros- que permita atopar as fórmulas para reverter un camiño que nos leva a manter o libro galego nunha precariedade permanente”.  

Alvarellos matiza que “o libro galego supón arredor do 20% do mercado. Desde a AGE, cinguíndonos exclusivamente ao mercado, pensamos que iso debería ter un reflexo: de cada dez libros nun escaparate, polo menos dous debería ser galego. Logo, temos que apelar ás librarías, que son as nosas aliada naturais, para que comprendan que a nosa cultura está nunha situación moi delicada por motivos que non teñen nada que ver coa calidade, polo que todos os apoios serán benvidos. A nivel creativo creo que está máis que demostrado que a nosa cultura está moi recoñecida fóra das nosas fronteiras, mais segue habendo condicionantes socioculturais que obstaculizan a súa visibilidade”. 

A libraría como axente cultural

"As librarías teñen que transformarse en axentes culturais que, ademais de manter un trato personalizado co cliente, como prescritores, xeren a necesidade de achegarse á cultura escrita", declara Henrique Alvarellos. "Existen moitas ofertas de ocio coas que o libro ten que competir, e debemos inventar estratexias para facilitar o acceso ao libro mediante presentacións, coloquios, presenza nas redes..."  

Ramón Domínguez concorda: "É unha obriga comercial, mais tamén é unha forma de xerar cultura desde fóra do poder. Mal imos se a  cultura se fai exclusivamente desde as administracións públicas. As librarías temos a oportunidade de converternos en instrumentos que liberen as actividades culturais desa dependencia e que permita un vínculo máis directo coa sociedade, máis participativo e democrático".  
 

Comentarios