Mercedes Corbillón: "Ser libreira é un oficio que se leva con paixón e é algo absolutamente vocacional"

Os Premios Follas Novas do Libro Galego recoñeceron Mercedes Corbillón, responsábel da libraría Cronopios de Santiago de Compostela, co galardón que anualmente escolle a Federación de Librarías da Galiza. Leva trece anos na capital á fronte dun negocio familiar que conta tamén con outro comercio en Pontevedra. Esta libreira conversa con Nós Diario para valorar este recoñecemento e explicar a situación xeral do sector cultural. 
A libreira Mercedes Corbillón recibiu o galardón da Federación de Librarías da Galiza (Foto: Nós Diario).
photo_camera A libreira Mercedes Corbillón recibiu o galardón da Federación de Librarías da Galiza (Foto: Nós Diario).

Que representa para vostede recibir este galardón?

Foi moi emocionante que os meus colegas de profesión, nun país onde hai tanta calidade nas letras mais tamén nas librarías, recoñezan o traballo. Nunca imaxinei algo así.  

Segundo a súa experiencia, unha libreira nace ou faise?

Cronopios comezou hai trece anos. Por un lado é moito tempo e por outro é pouco. Pasaron tantas cousas! Somos das librarías que se iniciaron despois dos tempos do dixital, da crise e non vivimos esa Arcadia da que falan algúns libreiros e que non sabemos se existiu ou se é a nostalxia que temos as persoas do que sucedeu noutro momento. No meu caso, e no dos meus irmáns, a única relación co oficio era a lectura.

Viñamos da rúa, non doutra parte do sector. Houbo moito que aprender polo camiño. É algo moito máis complexo do que parece desde fóra. As librarías teñen certa dificultade de xestión e doutros apartados que a realidade exixe, como é a organización loxística.

Meu pai comentaba que non se imaxinaba que eu sería unha libreira. Síntome marabillosamente ben co título de libreira que, para min, é algo enorme. Ás veces penso que non o merezo.

Que aspectos a favor e en contra ten este oficio?  

A favor ten que é un oficio que se leva con paixón e é absolutamente vocacional. As horas que necesitas para sacar adiante este tipo de proxectos igual serían máis rendíbeis noutras profesións. E temos a obriga de ser rendíbeis. Non hai cartos que manteñan por atrás este comercio. Como positivo ten que fas as cousas como as imaxinas. 

No meu caso ser unha libraría moi viva e estar en contacto coas persoas máis interesantes para o lector: os que crean e os editores que apostan polos seus libros. Tamén estar en contacto coas lectoras e cos lectores é unha vantaxe que temos.

Da mesma maneira que cando as persoas poden sacar o peor de si na rúa, cando entran nunha libraría sacan o mellor. Pola contra, as cousas negativas son a cantidade de xestións que hai que facer como en calquera negocio pequeno. Cárgaste de tarefas de todo tipo que fai moi complexo conseguir esa obrigada rendibilidade.

Que papel xogan as autoras e os autores para a difusión das súas obras nas librarías?

Cando comezamos fomos dos que pensamos en pensar as librarías en espazos moi vivos. Agora practicamente é algo habitual en todas as librarías facer actividades. Polo que vexo, os encontros coas lectoras e lectores son unha parte moi importante nunha libraría. Ese contacto é moi diferente ao que teñen nos actos que organizan as Administracións noutros foros.

Tamén é verdade que, a estas alturas, somos tantos facendo actividades que hai que mirar polas autoras e autores, en moitos casos cunha relación persoal fantástica de amizade, e deixar de pedirlles que estean todo o tempo de lugar en lugar. Temos que atopar o equilibrio.  

A venda de libros a través de grandes plataformas de venda online fai perigar o futuro das librarías? 

Eu son optimista. No caso contrario non teríamos montado unha libraría cando semellaba que o dixital comería o papel. Co tempo, vimos que iso non sucedeu. As vendas, na súa maioría, son en papel, mais hai outros modos de venda que están aí como é o caso de Amazon.

Ocupan unha parte do mercado mais pasou tempo abondo e mesmo unha pandemia para ver que as librarías están moi arraigadas co espazo emocional dos lectores e co espazo emocional das cidades. É nese lugar onde se teñen que afianzar. Pódese mercar por internet mais a experiencia de visitar unha libraría e deixarse seducir pola capas dos libros en papel é moi especial.

Comentarios