CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Saratoga: morrer no ben, vivir no mal

Saratoga (1)
photo_camera Saratoga

Lonxe queda aquel ano 1995 no que Saratoga editara o seu primeiro traballo con Fortu como vocalista e que pasara sen moita pena nin gloria. Agora 20 anos, 11 discos e 8 formacións despois, chega este novo traballo enmarcado dentro da chamada “Reunión”, que non é tal senón a volta de Jero á banda. Moitos pensamos a posibilidade da volta de Fortu ou de Leo aínda que non se deu, e non se pode desmerecer o gran traballo vocal que fai Tete Novoa.

O que máis destaca deste disco é que se trata dunha volta modernizada aos Saratoga dos 2000, a que fora a época de maior éxito da banda. De feito o disco lembra por momentos a “El clan de la lucha” (2004) e tenta achegarse sen conseguilo ao mítico “Agotarás” (2002), o seu mellor traballo até a data, pero sen desmerecer a boa calidade deste traballo, fica só nunha tentativa.

Que estamos ante un dos discos máis cañeiros de Saratoga fica claro con “Perseguido”, o tema que abre o disco, que tamén se encarga de facermos mirar atrás na historia saratoganiana. “Mi venganza” amosa a cara mais metaleira da banda e sen dúbida é o estilo onde Tete está máis cómodo como tamén amosa en “Luchar o morir”. Creo que o poderío vocal que ten pode ser máis aproveitado tirando máis cara un estilo máis power metal da escola alemá.

“Morir en el bien, vivir en el mal”, comeza cun riff de baixo moi ao estilo de Steve Harris, aínda que o tema evolúe ao salvaxe estilo dos irmáns Abbot. O tema elixido como primeiro sinxelo foi “Como el viento”. Non é o tema máis pegadizo do álbum, máis se que se podería dicir que é o que máis lembra a época de “Agotarás”, cun dobre bombo constante que golpea o peito sen tregua e un aire épico que identifican claramente á banda, aínda que lle costa entrar nas primeiras escoitas.

En “Volverá” destaca o muro de son rítmico que a envolve. Quizás o tema quedou un pouco baixo de revolucións e faise pesado e longo en exceso. Nada que ver con “El Vals de la Rosa Herida”, construída entorno a cambios de ritmos e unhas guitarras simplemente espectaculares e coa colaboración de Aroa Martín, de Khael, o que converte este tema no mellor do disco.

“Ciprés Solitario” parece no seu comezo ser a balada do disco, máis ao pouco tempo o cambio a un ritmo pesado e marcado desbota esa idea. Se ben o cambio do tempo non funciona mal, non creo que fora a resolución máis axeitada na estrutura do tema. “Vi” volve ao ritmo frenético case achegada ao thrash, mais nótase que Tete non está no seu rexistro e aínda que fai unha interpretación pulcra o tema non culmina. O inicio de teclas e letra recitada de “No pidas perdón”, para continuar cuns ritmos pesados e escuros e un retrouso moi pegadizo, son o toque gótico do álbum.

Remata o disco con “Saliendo de la oscuridad” e “Etérea” que son sen dúbida os dous temas do disco que máis lembran aos Saratoga que triunfaron en 2002 con un power metal con toques de speed.

Con este traballo Saratoga reivindíca como banda que aínda ten moito que dicir no panorama do metal e ben seguro que calará as bocas de aqueles que os cuestionaban. Un disco de Metal con todas as letras, cunha boa e coidada produción aínda que as veces o plano das voces está un pouco máis alto do que debería.

 

Listaxe de Temas

  1. Perseguido

  2. Mi Venganza

  3. Morir en el Bien, Vivir en el Mal

  4. Como el Viento

  5. Volverá

  6. Luchar o Morir

  7. El Vals de la Rosa Herida (con Aroa Martín y Pepe Herrero)

  8. El Ciprés Solitario

  9. Vi

  10. No pidas Perdón (con Pepe Herrero)

  11. Saliendo de la Oscuridad

  12. Etérea

 

Video – Saratoga: Como el viento 

Saratoga nas redes:

Web: www.saragota.com.es

Facebook: www.facebook.com/SARATOGAOFICIAL2012

Twitter: @Saratoga_

Comentarios