Máis

San Pedro de Tenorio

No mosteiro conviven arte románica e barroca.
San Pedro Tenorio
photo_camera Na parte baixa do mosteiro hai un claustro formado por columnas que sosteñen arcos de medio punto. / José Antonio Gil Martínez

No concello de Cerdedo-Cotobade (comarca de Pontevedra) localízase o mosteiro de San Pedro de Tenorio, unha  xoia arquitectónica que dá conta da riqueza artística que existe na Galiza e da natureza ecléctica que sempre caracterizou o país. No edificio conviven románico, renacemento e barroco.

Hoxe o aspecto exterior do templo non ofrece demasiadas pistas sobre cal foi o seu estilo orixinal. Non obstante, si que se poden apreciar elementos que evocan o pasado románico do mosteiro na fachada da igrexa contigua, como o rosetón que ocupa a parte central do muro.

 A igrexa, de planta basilical cuberta con bóveda de canón, é do século XVIII. Construíuse moi probabelmente sobre outra anterior de estilo románico. No seu interior destaca o boato. 

O estilo que predomina é o barroco. O acceso da igrexa é unha porta enmarcada na estrutura pétrea do edificio. A carón do templo atópanse as dependencias monacais nas que se poden observar as diferentes reconstrucións que se executaron no mosteiro en diferentes momentos históricos.

Na fachada destacan varios elementos arquitectónicos: a porta renacentista, un brasón máis recente e un frontón na parte superior.

O mosteiro presenta unha planta en forma de 'U' e dous niveis: un piso superior e un claustro renacentista. No andar inferior, o atrio está formado por columnas de orde toscana que sosteñen numerosos arcos de medio punto. A planta alta, a diferenza da baixa, presenta piares cuadrangulares. 

A estrutura horizontal do claustro estaba formada orixinalmente por madeira, aínda que o formigón substituíu este material nos últimos anos. No centro do patio existe unha fonte de dous pratos que se instalou na última década do século XX, rodeada dun pequeno xardín que alberga unha serie de árbores froiteiras. 

A montaña sobre a que se asenta o mosteiro San Pedro de Tenorio coñécese como Monte Castelo. Ademais do nome, que resulta bastante esclarecedor, tamén existen restos materiais espallados por ese terreo que dan testemuño da existencia dunha fortaleza medieval que existiu no seu cume.

Comentarios