A sala Ártika de Vigo celebra con dramaturxias o 25 de abril

O acto contará coa participación do actor Salvador del Río, da actriz Arantza Villar e da dramaturga Paula Carballeira. 
Iria Pinheiro é unha das autoras escollidas para esta presentación (Foto: Olaia Sendón)
photo_camera Iria Pinheiro é unha das autoras escollidas para esta presentación. (Foto: Olaia Sendón)

A sala Ártika de Vigo acolle esta sexta feira, 23 de febreiro, ás 20 horas, a presentación do libro Laboratorio de escrita para Teatro Revoluções da man do Club de Lectura realizado na sala viguesa. O acto contará coa lectura dramatizada de dous dos seis textos que integran o volume: Vitória, da galega Iria Pinheiro-Santos e A grande cerimónia, da portuguesa Bárbara Soares.

Coa intención de construír espazos de encontro desde os que achegarse un pouco máis á dramaturxia contemporánea, a Sala Artika incorpórase así ao proxecto de escrita coordinado polo dramaturgo Ricardo Correia, a dramaturga Vanesa Sotelo e a antropóloga Sónia Ferreira.

Xunto coa presenza da autora Iria Pinheiro e do elenco formado polos integrantes do clube de lectura (Rosa Estévez, Rolando Sánchez, Pablo Rodríguez, Nuria Otero, Nuria Pérez, João José Gouveia e Roberto Vázquez), o acto contará coa participación do actor Salvador del Río, da actriz Arantza Villar e da dramaturga Paula Carballeira

Seis dramaturgas

A segunda edición do Laboratorio de Escrita para Teatro - Dramaturgias Políticas Contemporáneas reuniu en 2023 seis dramaturgas co obxectivo de escribir pezas breves a partir do tema Revoluções, anticipando as celebracións dos 50 anos do 25 de abril.

As participantes: Bárbara Soares (Portugal), Iria Pinheiro (Galiza), Inês Mendes (Portugal), Filipe Santos (Portugal), Martin Santos (Portugal), Célia Meguelatti (Francia) convocaron diferentes revolucións para tratar o tema que foron desenvolvendo ao longo de seis meses de escrita que neste mes de febreiro inicia o seu encontro co público. Ademais do acto en Ártika, o proxecto ten previstas presentacións en Coimbra durante o mes de abril e en Loulé no mes de maio.  

Comentarios