MÁIS

O medievo de festa

O verán galego, tempada alta para festas e mercados medievais 
Betanzos, cita obrigada. / Turgalicia
photo_camera Betanzos, cita obrigada. / Turgalicia

Esta primeira fin de semana de xullo, San Martiño, Moaña, comarca do Morrazo, acolle a oitava edición de Moaña Antiqua, unha cita na que mercado, animación de rúa, cetraría, roteiros, música, gastronomía e espectáculos compleméntanse nun evento que quere "render homenaxe á Moaña antiga".

A partir desta fin de semana, e até setembro, festas históricas e medievais espállanse por toda a Galiza, de norte a sur e de leste a oeste. Algunhas citas importantes xa decorreron, como a medieval de Monforte ou a Arribada de Baiona —que optan pola primavera— ou o xa internacionalmente recoñecida Arde Lucus de Lugo, mais nestes tres meses hai unha ampla variedade destes eventos.

A principios de xullo decorre o Feirón Medieval dos Andrade, en Pontedeume, na comarca do Eume. Unha vila que é o escenario perfecto para este tipo de festexos, algo que tamén ocorre noutras localidades do país. A súa primeira edición foi en 2010 e desde entón non parou de medrar. Ducias de postos nas rúas, teatro, música, xograres, danza... un programa que cada ano atrae miles de persoas.

As festas teñen todos os matices: celtas, medievais, castrexas ou xudías

O 7 de xullo está marcado en vermello no calendario dos festeiros medievaleiros. Arrinca a Feira Franca Medieval de Betanzos, nas Mariñas, que leva celebrándose desde 1998, en lembranza do mercado que tiña lugar nesta vila nos séculos XIV e XV. Nesta feira teñen especial importancia as representacións, así como a participación da veciñanza, que se engalana de época.

Poder de atracción

Noia tamén escolle xullo para a súa feira medieval, que este ano fai 24 edicións. O seu casco histórico é un fervedoiro de xente, disposta a gozar durante esa fin de semana de exhibicións de cetraría, torneos e loitas da cabalo, ruadas, actuacións musicais, animación, obradoiros en directo, actividades infantís e unha zona de xogos para as máis pequenas e pequenos da casa.

Tamén nas grandes cidades da Galiza as feiras desta temática fixéronse un oco. En xullo unha das citas decorre no mercado medieval da Coruña, coñecido como Feira das Marabillas, que xa ten un cuarto de século de existencia. Unha cita que ten lugar na Cidade Vella.

Agosto é outro dos meses nos que na Galiza hai citas de calado en festas históricas e medievais. Da Festa do Esquecemento, en Xinzo de Limia, até o mercado de Mondoñedo ou unha das citas obrigadas: a Festa da Istoria de Ribadavia.

Recreación histórica

A de Xinzo é unha festa de recreación histórica que cada ano acolle miles de asistentes e que rememoran a chegada ao río Lethes das lexións romanas de Décimo Xuño Bruto no ano 135. As recreacións dos combates entre as lexións romanas e os guerreiros castrexos son un dos puntos álxidos deste evento. 

Do 11 ao 13 de agosto vai decorrer en Mondoñedo, comarca da Mariña, unha nova edición do seu mercado medieval. Como na maioría das anteriores, as rúas, calellas e prazas desta vila son un escenario máis que acaido para un festexo desta temática. O centro histórico de Mondoñedo, singularizado pola Catedral Basílica da Asunción, foi declarado conxunto histórico-artístico en 1985. Concertos, competicións de tiro con arco, Gran Torneo Medieval coa participación de especialistas de hípica celta e mesmo unha voda medieval polo rito mozárabe son parte segura do programa. Ao igual que a cea medieval.

A Festa da Istoria de Ribadavia vai ser 25 e 26 de agosto. Pouco fica por dicir desta cita, das máis importantes da Galiza. Unha verdadeira festa medieval, con protagonismo do pasado xudeu desta localidade, onde é difícil atopar algún veciño ou veciña que non vaia vestido de época. A viaxe á Idade Media é tan real que até a moeda que se utiliza ese día é o maravedí.

E dunha feira consolidada e con ampla participación veciñal na comarca do Ribeiro saltamos a outra feira consolidada e con ampla participación veciñal, desta volta en Pontevedra, coa Feira Franca, que decorre na primeira fin de semana de setembro.

A Boa Vila viaxa ao século XV nunha feira participada por toda unha cidade; unha vivencia única habitada por artesáns, canteiros, ferreiros, palilleiras, cesteiras, oleiras, redeiras, carpinteiros, músicas, xograres, campesiños, toneleiros, artistas, comerciantes, damas e cabaleiros que nos achegan ao tempo do privilexio concedido a Pontevedra polo rei Henrique IV, no ano 1467, en virtude do cal se autorizaba a celebración dun mercado libre de impostos dun mes de duración. Unha cita imprescindíbel do verán!
 

Comentarios