Rosalía abre a fiestra: Festival de verán na Casa-Museo
Nunca é mal momento para visitar ou revisitar a Casa-Museo de Rosalía. Máis aínda este domingo 13 de xullo, cando se celebra o festival Abride a Fiestra, que colle o seu nome da última frase que dixo a autora neste mundo. Será como unha visita “aumentada” mais non virtual, senón todo o contrario. Unha xornada de portas abertas con actividades durante todo o día: visitas comentadas por especialistas como Pilar G. Negro, Carme P. Sanjulián ou Manuel L. Baleirón; unha escape-room para crianzas con Rita Bugallo; ou temáticas sobre o Xardín co paisaxista Miguel Lois. O Xardín de Rosalía é un dos seus novos atractivos, pois vén de ser reformado e musealizado, con audioguías e información sobre as principais árbores e que tamén achega valiosa información sobre o papel fundamental da paisaxe e da botánica na obra de Rosalía e mesmo o seu carácter pioneiro na defensa da natureza e do seu equilibrio ecolóxico.
Os novos espazos creados seguen o criterio do paisaxismo naturalista: alí atoparedes pradeiras sen rozar para liberar a flora humilde das “herbas do campo florido”, as flores preferidas da autora ou as máis plantas citadas na súa obra, recollidas no Herbario de Rosalía. Sen esquecer os principais exemplares da Horta: a Figueira de Rosalía, a Camelia Rosalía de Castro, o Loureiro dos Poetas (as tres son Árbores Senlleiras), o Ombú e o Ceibo.
O xardín de Rosalía é un dos novos atractivos da Casa-Museo.
Alí, no Xardín, teñen lugar boa parte das actividades do festival: os concertos de De Ninghures, Gloria Pavía & Rafa Morales, Paco Nogueiras ou os portugueses Canto d’Aqui, alén dos contos de Carlos Blanco, as dilleis Maruxa e Coralia e unha observación astronómica. Mais aí non remata o conto: no auditorio hai presentacións de libros de Pilar G. Negro e Berta Dávila, o último número da revista de estudos rosalianos Follas Novas ou o proxecto Somos Pandeireteiras.
Sen dúbida, paga a pena a visita este domingo, pero tamén calquera outro día deste verán, haxa ou non actividades (o 15 de xullo celebran o 140 cabodano da súa morte con concerto de Tres Pesos; e o 26 a Inchadiña Branca Vela), pois segue a ser a “Casa de Galicia”, como di o título da exposición de Pepe Barro –tamén responsable da museoloxía–, sobre os 50 anos da Casa da Matanza.
Historia: Onde viviu Rosalía

No outono do ano 1947 créase o Patronato Rosalía de Castro, co fin de arranxar a Casa da Matanza, en Padrón (O Sar), casa na que Rosalía de Castro viviu os derradeiros anos da súa vida. Restaurouse en 1971 e converteuse na Casa-Museo en 1972. A Fundación, que continúa o labor do Padroado, é a
actual propietaria.
Da casa á biblioteca: Completando o museo

Desde 1970 fóronse adquirindo outras propiedades ademais da Casa. En 1975 inaugúrase unha vivenda para a encargada da Casa, unha Sala de Xuntas, un Arquivo da Fundación e servizos públicos e almacéns. En 1985 faise o Auditorio persoas e en 1999 o Centro de Estudos Rosalianos para crear unha biblioteca.
Epicentro cultural: Novas instalacións

Nos últimos anos a Casa de Rosalía recuperou o seu papel como dinamizador cultural, con abondosa programación, e modernizou e actualizou as súas instalacións con novos recursos, novas pezas (agora xa si que pertenceran á familia) e material audiovisual que permiten comprender mellor a vida e obra de Rosalía e da súa familia, alén da súa importancia como figura central da cultura galega. A nova museoloxía, dirixida por Pepe Barro en 2017, inclúe audioguías en varias linguas que nos levan por unha narrativa que combina mobles, obxectos artísticos, documentos e pezas senlleiras. E desde este verán ofrécense visitas guiadas fixas ás 11 e ás 17 horas.