Regresa o festival 'Abride a Fiestra' con Gloria Pavía ou De Ninghures
O festival ‘Abride a Fiestra’ volve o domingo 13 de xullo á Casa-Museo de Rosalía de Castro, en Padrón (O Sar), cunha xornada de portas abertas dedicada ás cantareiras e á cultura popular.
A programación inclúe unha vintena de actividades repartidas entre o Xardín, a Casa-Museo e o auditorio, con actuacións musicais, obradoiros, visitas guiadas, contacontos e encontros literarios. Entre os nomes destacados figuran os músicos De Ninghures, Gloria Pavía&Rafa Morales e os portugueses Canto d’Aqui, así como o cómico Carlos Blanco.
Tamén haberá espazo para o público infantil con xogos populares, un concerto de Paco Nogueiras, un obradoiro de creación libre de obxectos sonoros con materiais naturais con Miudiño e unha “habitación de escape” na Casa-Museo da man de Rita Bugallo.
E no Auditorio haberá varias actividades literarias: Berta Dávila presentará a súa última novela, A ferida imaxinaria, e María Pilar García Negro, Intenso e solidario feminismo. Estudos rosalianos.
Presentación
O evento presentouse esta quinta feira na propia Casa-Museo coa presenza de representantes da Fundación Rosalía, da Deputación da Coruña, do Concello de Padrón, da Xunta da Galiza e das empresas colaboradoras, como Paco&Lola ou Deleite.
A xornada arrinca ás 11 horas con visitas guiadas e actividades literarias. Pola tarde haberá unha cata de viños e un xantar popular na Horta, amenizado polas 'Maruxa e Coralia Dilleis'. Os concertos comezarán ás 13h coa actuación de Gloria Pavía, e culminarán ás 21 hora co directo de De Ninghures, seguido dunha observación astronómica da man de Xabier P. Couto para a que cómpre levar prismáticos.
Ademais, na terza feira 15 de xullo a Fundación conmemorará o cabodano do pasamento de Rosalía cun acto institucional que incluirá a entrega da Rosa da Galiza e un concerto do trío Tres Pesos para pór o ramo.

