Redes sociais: Prohibir ou regular?

O debate público sobre as redes sociais tende a sinalalas como causa directa de problemas complexos, nunha lóxica próxima ao pánico moral que se repite historicamente con cada nova tecnoloxía. Porén, a evidencia científica non avala relacións simples nin causalidades claras. Mentres avanzan propostas lexislativas baseadas na restrición, medra a preocupación polos seus efectos reais sobre dereitos, privacidade e acceso á información.

As redes sociais tamén poden ter efectos positivos, sobre todo naquelas persoas que atopan nelas un medio de construír identidade e redes de apoio. (Foto: Drazen)
As redes sociais tamén poden ter efectos positivos, sobre todo naquelas persoas que atopan nelas un medio de construír identidade e redes de apoio. (Foto: Drazen)

O discurso público sobre redes sociais dá por feito que algúns dos problemas actuais son consecuencia directa da súa existencia. É certo que, en ocasións, a súa entidade aumentou a causa dun maior alcance dos medios de comunicación. Noutros, simplemente fixémonos máis conscientes das realidades fóra da nosa burbulla. Un exemplo claro é o bullying, que, se ben pode verse facilitado pola tecnoloxía, existía antes de internet dun xeito moito menos controlado: sen protocolos, sen normas claras ao respecto do que era aceptábel e coa postura maioritaria de que se trataba de conflitos entre crianzas que debían resolver por si mesmas. Outro son os ideais irreais de beleza que transmiten. Nos 90, coa cultura da delgadez extrema, a presión cara a perda de peso era constante e moito máis explícita.

A preocupación da sociedade polos efectos das novas tecnoloxías sobre a xuventude é tan vella como a nosa historia. Desde Platón, preocupándose por se a proliferación da escritura entre a mocidade desincentivaría o exercicio da memoria, até o pánico moral da Europa do século XVII fronte á "epidemia de lectura", parece que estamos condenadas a repetir este ciclo con cada nova forma de comunicación ou entretemento. Tampouco cambian tanto os argumentos, a figura do cliffhanger era denunciada como unha estratexia de retención de atención que potenciaba a adición aos libros, do mesmo xeito que o infinite scroll nas redes sociais.

O termo pánico moral foi popularizado pola socioloxía para describir episodios nos que unha práctica, grupo ou tecnoloxía pasa a ser percibida como unha ameaza grave para os valores sociais, nun proceso amplificado polos medios de comunicación e actores políticos. Neses momentos fenómenos complexos redúcense a unha única causa identificábel e a solución preséntase como unha intervención contundente que permita "protexer" a sociedade, en especial a infancia.

[Poderás ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario deste sábado, 28 de marzo. Resérvao no teu quiosque ou subscríbete ao xornal!]

Comentarios