Máis

Ruta dos faros Rebordiño e Monte Louro

Os faros cobran maior protagonismo nas costas accidentadas
Rebordiño
photo_camera O Faro de Monte Louro, desde o que se pode visualizar o cume da elevación. / Nós Diario

Na zona da ría de Muros existen varios faros que cumpren coa función de guiar as embarcacións a porto nas noites máis escuras. Os faros de Rebordiño e de Monte Louro están moi perto, ambos localízanse na mesma ría.

A construción do faro de Rebordiño non figurou nos proxectos do primeiro Plan de alumeamento de Costas. En 1902 aprobouse instalar unha luz de cor vermella no cabo co obxectivo de mellorar  a iluminación e a sinalización dos acantilados. Esta primeira baliza serviu como precedente do faro que se inaugurou en 1909.

O edificio divídese en dous andares. Un dos elementos máis importantes é a torre de ferro de 7 metros de altura, coroada  por un balcón que comunica co torreón que alberga a lanterna. Na actualidade emite escintileos vermellos cada sete segundos, visíbel até 7 millas.

O faro de Monte Louro tamén recibe a denominación de faro de Punta Queixal. O edificio está situado aos pés do acantilado e sobre el elévase o Monte Louro até os 227 metros de altura.

A pronunciada altitude da montaña entraña unha serie de factores intrínsecos. Por unha parte, é un punto estratéxico que facilita un control terrestre e marítimo efectivo. Por outra parte, as condicións do terreo, particularmente abrupto, convérteno nunha zona inhóspita que non ofrece condicións de habitabilidade. 

Desafortunadamente non existen demasiadas evidencias científicas que acrediten que nalgún momento o monte tivo unha función defensiva.

A respecto do valor natural do Monte Louro, cabe destacar que existen unha serie de lugares de gran valor medioambiental, como poden ser as praias de Louro e de Ancoradoiro. Estes areais abertos ao océano Atlántico esténdense entre o pequeno saínte de Punta de Lens e a península do Monte Louro. 

Outra zona destacada é a lagoa que existe perto de alí. A lagoa de Louro, tamén denominada lagoa das Xalfas, constitúe a desembocadura do río Logarelo. Hai que destacar que arredor desas augas existe unha serie de escuras lendas que sosteñen que agocha unha misteriosa aldea baixo a súa superficie.

Comentarios