A RAG dialoga con creadores das novas xeracións sobre o proceso da creación literaria

A Sección de Literatura conmemorou esta terza feira 'Voces da narrativa', unha cita na que o público puido escoitar tres conversas entre autores e autoras por baixo dos corenta anos.
A Academia organizou hoxe a xornada 'Voces da narrativa'. (Foto: RAG)
photo_camera A Academia organizou hoxe a xornada 'Voces da narrativa'. (Foto: RAG)

“Hai que escoller ben as verdades que se cospen diante da cara dos vulnerábeis, e non creo que haxa ninguén máis vulnerábel que alguén que escribe algo e o entrega a outro para ler”, confesa a protagonista de Illa Decepción (2020). A novela coa que Berta Dávila gañou por segunda vez o Premio de Narrativa Breve Repsol é unha obra sobre “a observación do que é permanente e do que é provisorio”, pero tamén “un libro que fala moito da miña relación coa literatura”, recoñece a autora. Nas súas páxinas une a narradora e a lectora, quen escriben con quen le, unha dupla condición que estivo moi presente en Voces da narrativa, a xornada que a Sección de Literatura da Real Academia Galega celebrou hoxe na Fundación Luís Seoane. O público puido escoitar tres diálogos sobre o proceso da escrita entre Alberto Ramos e Sica Romero, Fabio Rivas e Cecilia F. Santomé, e Brais Lamela e a propia Berta Dávila. Todos eles teñen en común contaren con polo menos un libro publicado e teren menos de 40 anos de idade.

A xornada arrincará pola mañá cun encontro entre membros da RAG e as seis voces convidadas. O programa, organizado co apoio económico da Xunta da Galiza e do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, abriuse ao público no salón de actos da Fundación Luís Seoane a partir das 17 horas, momento a partir do cal se emitirá tamén en directo dende a web da RAG (academia.gal) e a canle de Youtube da institución.

As conversas foron presentadas polos coordinadores do encontro, a académica de número Chus Pato e a directora da Sección de Literatura, Marilar Aleixandre, quen subliña a importancia de que a institución escoite e dialogue coas novas xeracións que están a contar historias. “A Academia ten que facer homenaxes a persoas que historicamente tiveron un papel relevante na nosa cultura e literatura, como son as figuras que protagonizan o Día das Letras Galegas, pero tamén debe estar conectada co que se fai no momento actual, coñecer o que se escribe e estabelecer un diálogo cos autores e as autoras máis novos”, xustifica. “A nosa literatura neste momento é moi vizosa e dentro dela hai moita xente nova que está a facer cousas moi interesantes”, considera.

As voces seleccionadas pretenden servir de exemplo da diversidade que caracteriza a literatura feita polas novas xeracións, que abranguen autoras e autores que contan xa cun número de títulos considerábel ás súas costas e unha chea de premios, xunto a quen empeza a se expoñer publicamente no mundo das letras. Uns e outros abren novos camiños para a literatura galega con rastros ben visíbeis do tempo ao que pertencen, con novelas en ocasións xeracionais, mais tamén dando cabida a outras constantes da literatura universal contemporánea como a memoria, a proxección do eu ou o xornalismo.

Berta Dávila e Brais Lamela: ‘Illa Decepción’ e ‘Ninguén queda’

Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) atópase entre os primeiros. Publica como narradora dende 2008, foi galardoada, entre outros, cos premios Manuel García Barros, Xerais, Follas Novas, da Crítica, da Asociación Galega de Editores e o mencionado Repsol de Narrativa Breve, e a súa obra traduciuse a distintos idiomas. Brais Lamela (Vilalba, 1994) é pola súa banda un exemplo destacado das últimas voces en se incorporar aos andeis das librarías e bibliotecas: con Ninguén queda (2022), a súa primeira novela, fíxose o pasado mes de abril co último Premio da Crítica en lingua galega, e sobre ela e mais Illa Decepción falará con Dávila na primeira conversa da tarde.

Ninguén queda e Illa Decepción son dúas obras que, na miña opinión, teñen moito en común: a máis evidente é a atención aos espazos da vida cotiá, esa reflexión íntima sobre o que constitúe un fogar”, analiza o autor vilalbés. “Tamén teñen en común o uso deliberado de xéneros a miúdo considerados menores -o diario, o apuntamento persoal- dentro dunha obra de ficción, de tal xeito que se crea unha ambigüidade entre a voz narradora e a figura da autora”, prosegue.

Brais Lamela define Ninguén queda como unha obra híbrida que quere aproveitar os recursos da ficción e as estratexias do ensaio ou da memoria persoal. “Móvese entre un verán abafante en Nova York e as montañas de Negueira de Muñiz, construíndo pontes entre mundos que parecen moi diversos: o dos labregos desprazados pola construción dos encoros, o dos proxectos de colonización na Terra Chá ou a vida dos estudantes no estranxeiro. Trátase dunha obra que presta moita atención á memoria dos lugares, e que constrúe unha especie de palimpsesto entre experiencias pasadas e presentes”, explica.

Berta Dávila refírese a Illa Decepción como un díptico de dúas pezas que se interfiren. O primeiro apartado da novela concibiuno como “unha historia autónoma sobre o tema da casa, dos lugares onde vivimos ao longo da vida, que poden ser eventuais pero tamén resisten o noso paso”, pero a obra fala tamén moito do proceso da escrita que serve de eixe da xornada. “A escritura literaria fronte á escritura como obxecto ou como obsequio que aparece nas cartas postais, tamén ligada á casa, os espazos virtuais e a ficción como lugar onde estar son cuestións que me obsesionan”, comparte a autora.

Alberto Ramos e Sica Romero: ‘Os corpos dos Romanov’ e ‘Avelaíñas eléctricas’

Alberto Ramos (Santiago de Compostela, 1986), gañador como narrador do premio Biblos-Pazos de Galicia, de novela por entregas de La Voz de Galicia, do Vicente Risco de Creación Literaria, ou do García Ramos, intercambiará impresións sobre o proceso de creación poñendo o foco n’Os corpos dos Romanov, recoñecido co Premio de Narrativa Breve Repsol. E farao canda a Sica Romero (Carnota, 1995), quen se referirá á súa experiencia escribindo a súa primeira novela, Avelaíñas eléctricas (2022), que acaba de ser distinguida co Premio San Clemente de novela en galego.

O xermolo d’Os corpos dos Romanov está nas noticias do Nadal de 2016 sobre a evacuación da cidade de Augsburgo por mor da aparición dunha bomba da segunda guerra mundial sen detonar, unha mostra clara da estreita relación entre os dous campos profesionais de Alberto Ramos, o xornalismo e a literatura, que se manifesta na obra principalmente de tres maneiras. “A primeira sería esa mecha de actualidade da que prende a historia. A segunda é o xornalismo como ferramenta de documentación. No caso particular deste libro consultáronse medios alemáns, principalmente bávaros. Toda a información recadada serviu para darlle verosimilitude, que non rigor histórico, ao contexto no que se desenvolve esta historia de vida cruzadas nun contexto de excepcionalidade”, aclara. “E un terceiro elemento, máis presente noutras obras miñas, sería o xogo dos formatos de crónicas e entrevistas para canalizar a narración”, debulla o escritor que, xa fóra das marxes da creación literaria, reflexiona sobre o impacto do xornalismo cultural na interpretación e categorización dos libros.

A escrita literaria pode ser tamén unha forma de liberar a mente de sombras, de pantasmas, por máis que, como di a protagonista de Illa Decepción, amosar o resultado faga do escritor, da escritora, un ser especialmente vulnerábel. Quizais por iso dende os primeiros compases dunha obra ata a impresión final poidan pasar anos, como aconteceu dalgún xeito coa novela de presentación de Sica Romero. “A escritura forma parte de min e só ás veces penso nos porqués. Non sei cando empecei a escribir Avelaíñas eléctricas, pero cando aos dezasete anos meu avó materno me regalou o meu primeiro ordenador portátil comecei a teclear frases que xa soaban a este libro, a esconxuros que me liberaban de todo canto oía e vía e que non comprendía, ou que non podía dicir”, confesa a autora carnotá.

Cecilia F. Santomé e Fabio Rivas: ‘Quérote. Eu tampouco’ e ‘A pintura debida’

Cecilia F. Santomé (Vilalba, 1984) e Fabio Rivas (Pontevedra, 1997) protagonizarán o derradeiro diálogo da tarde. A autora luguesa, gañadora do Premio Nortear de relato curto e dun terceiro premio do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía, compartirá reflexións arredor da súa primeira novela, Quérote. Eu tampouco (2019) e d’A pintura debida (2023). Este último título é primeiro libro de Rivas, no que o autor máis novo da xornada reúne un feixe de contos, un xénero co que colleitou premios como os convocados pola Universidade de Vigo ou o Liceo de Noia.

“Non escribín Quérote. Eu tampouco para ninguén que non fose eu. Eu, escritora, lectora, crítica, devoradora (...). Coido que a primeira novela sempre ten algo de pulso íntimo, de desafío interno”, asegura Cecilia F. Santomé. “Saíume tratar sobre uns seres á deriva nunha cidade demasiado grande para coidalos, sobre a soidade, as familias e as non familias. Sobre min, dalgún xeito. Debuxada ao fondo... esvaecida”, sinala. A necesidade, e a decisión, de escribila emerxeu no ano 2016, das súas derradeiras semanas en Londres. E o resultado é o que se chama unha novela xeracional, “unha exploración, nun certo sentido, dos efectos do desarraigo nas sociedades occidentais modernas”.

Dialoga así, ao seu xuízo, “dende unha distancia salvábel”, con A pintura debida. As dúas son “historias de meniños estragados, de escuridades, de rascaduras que anos máis tarde aínda sangran”, pero mentres Fabio Rivas busca a súa personalidade literaria “en formas e fondos da tradición do conto galego do século XX”, a súa novela “emancípase deles para quedar voluntariamente á marxe”, considera a autora.

Fabio Rivas confirma esta intención: “Eu creo que a cuestión metaliteraria é un dos fíos máis potentes que teñen entre eles os relatos d’ A pintura debida. Unha das teimas que tiña cando escribín o libro foi regresar, ou intentar achegarme, á narrativa máis orixinaria en lingua galega do século XX: Carlos Casares, Blanco Amor... Todos os relatos, en cuestións temáticas e formais, se aproximan, ou polo menos esa foi a miña intención, a esta narrativa máis de noso, autóctona. Tratei de afastala dalgún modo da narrativa máis actual en lingua galega, aínda sabendo que que é algo bastante complicado para un rapaz do vinte e seis anos do século XXI”.

Comentarios