Xustiza

Quinta denuncia contra o actor Gérard Depardieu por agresión sexual

A vítima, asegura a súa avogada, xa non pode traballar, sofre ataques de ansiedade e estrés pos traumático por unha presunta agresión sexual a mans do actor francorruso en 2021.
O actor francorruso Gérard Depardieu. (Foto: Kay Nietfeld / DPA)
photo_camera O actor francorruso Gérard Depardieu. (Foto: Kay Nietfeld / DPA)

Nova demanda contra Gérard Depardieu. Unha decoradora de cinema vén de presentar unha denuncia, a quinta, contra o actor francés —nacionalizado ruso— por unha presunta agresión sexual cometida durante a rodaxe de Les volets verts en 2021, avanza esta segunda feira o medio francés BFMTV.

Segundo o relato da vítima, de acordo co citado medio, os feitos remóntanse a setembro de 2021, cando, en plena rodaxe, Depardieu agarrou a decoradora coas pernas e inmobilizouna entre as súas coxas. Foi necesaria a intervención dunha terceira persoa para que Depardieu soltase a vítima, que tamén sinalou que o actor lle tocara a cintura, os seos e as nádegas.

"No seu momento ela non presentou denuncia porque non quería manchar o traballo dos seus compañeiros e a estrea da película, e a consideración do equipo de filmación permitiulle pensar que ía estar ben. O trauma continuou e rexurdiu en particular coa carta de Gérard Depardieu do pasado mes de outubro afirmando que nunca atacara a ninguén", explicou a avogada da vítima, Carine Durrieu, a BFMTV.

Por mor destes feitos, segundo a avogada, a muller xa non pode traballar, sofre ataques de ansiedade e estrés pos traumático. A súa defensa trasladou a pasada sexta feira a denuncia á Fiscalía de París por agresión sexual, insulto sexista e acoso. A Fiscalía terá agora que decidir sobre o curso legal que dará a esta querela.

A denuncia chega despois de que a xornalista madrileña Ruth Baza, o pasado mes de decembro, denunciase o actor por violación por uns feitos ocorridos en París en 1995. Na súa denuncia, Baza relatou como o actor a bicara na cara e mais o pescozo e que a penetrara cos seus dedos a través da roupa. "Bicoume nos beizos profundamente e despois na cara con frenesí. De súpeto, notei a súa man no meu peito e despois na entreperna; non podía moverme", explicou a xornalista.

Aliás, o pasado 7 de decembro, a actriz francesa Hélène Darras tamén denunciou por agresión sexual a Depardieu por uns feitos sucedidos na rodaxe da película Disco, en 2007, segundo recolleu France Info. A actriz asegurou que o comportamento do actor foi "ingobernábel" e comentou que lle propuxera ir ao seu camerino mentres a "sobaba". E este pasado mes de xaneiro unha asistente de rodaxe denunciouno coa mesma acusación.

A primeira en denunciar o actor francorruso por agresión sexual e violación, en 2018, foi a tamén actriz Charlotte Arnould, uns feitos polos que foi imputado pola Xustiza francesa en 2020. A esta causa sumáronse xa unha quincena de mulleres que aseguran ser tamén vítimas de Depardieu.

Comentarios