O Museo de Pontevedra expón as propostas gañadora e finalistas para rehabilitar Santa Clara

O proxecto gañador, 'Verbas da pedra', pendente de adxudicación por parte do futuro goberno provincial do PP.
A mostra poderase visitar os próximos dez días. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A mostra poderase visitar os próximos dez días. (Foto: Nós Diario)

O Museo de Pontevedra expón desde esta quinta feira no vestíbulo do Edificio Castelao os paneis coas infografías dos anteproxectos que presentaron os estudos de arquitectura gañador (Nieto-Sobejano) co seu deseño 'Verbas da pedra' e os finalistas (Kaan Architecten, UTE Chipperfield-Carlos Seoane, Kengo Kuma, UTE Snohetta Oslo-Alfonso Penela), a fin de que a cidadanía poida coñecer de primeira man as propostas para rehabilitar o convento de Santa Clara. "Tanto o vicepresidente César Mosquera como o director do Museo, Xosé Manuel Rei, coincidiron en que era importante dar transparencia ao proceso da selección", salientan desde a Deputación.

Así, en total, están expostos ao público os cinco paneis sobre cada un dos anteproxectos, con textos, planos e recreacións visuais das que se propuñan como futuras reformas no recinto "tal e como foron inspeccionados polo xurado". A mostra estará aberta, no mínimo, durante dez días, malia que poderá prolongarse se hai unha afluencia suficiente de persoas interesadas en coñecer as propostas.

"Nos paneis de 'Verbas da pedra' amósase que a unión coa cidade do proxecto resolveuse abrindo un oco no muro sur, unha nova entrada desde a praza Barcelos", explican desde a Deputación. Enfrontada a esta apertura, instalarase un pavillón de acceso de nova construción no eixo do antigo claustro, configurado como un baldaquino que serve como miradoiro. Os planos revelan que a estrutura formal do convento orixinal reconstrúe as tres pandas que antigamente formaban o claustro, recuperando a súa escala inicial.

Após gañar o concurso público, a proposta de Nieto Sobejano fica á espera da adxudicación do proxecto definitivo por parte da nova corporación provincial que, previsibelmente, presidirá o PP da man de Luís López. O seu goberno decidirá se seguir adiante ou non coa iniciativa dos seus predecesores. "No seu caso, deberán que facerse adaptacións e correccións, así como tamén incluír os apuntamentos do departamento de Patrimonio da Xunta", salientan desde a institución.

O xurado valorou de 'Verbas da pedra' "a conexión coa cidade, a proposta construtiva e número de metros cadrados necesarios", así como "a funcionalidade de cada anteproxecto", entre outras cuestións. O deseño vencedor obtivo 86 puntos de 100 posíbeis e destacou "pola excelente organización funcional dos espazos". As zonas de exposición localízanse nos Edificio Oeste, Edificio Barroco e Coro da Igrexa.

Comentarios