'Nocturno' é cinema "lírico sobre o foro interno do mariñeiro"

O primeiro filme de Álvaro F. Pulpeiro competirá no Festival de Xixón

As singulares aliaxes de documental, cinema de poesía, ficción heterodoxa e arranxos pictóricos que caracterizan os mellores expoñentes do denominado Novo Cinema Galego continúan ofrecendo inesperados froitos. O debut de Álvaro F. Pulpeiro (Foz, 1990), Nocturno: Fantasmas de Mar en Porto, é un dos últimos. Competirá no Festival de Xixón o vindeiro novembro.
 

fotograma nocturno - Álvaro F. Pulpeiro
photo_camera Fotograma do filme 'Nocturno', de Álvaro F. Pulpeiro.

Rodada entre Montevideo e a Mariña lucense, a obra nace "dunha longa investigación do seu director no porto de Montevideo", indican desde a produtora A Cuarta Parede Films. Durante meses, Pulpeiro conviviu cos mariñeiros do pesqueiro Ilha Brava, de bandeira portuguesa, con capitán galego e traballadores indonesios e senegaleses. As horas mortas da tripulación atracada é a materia de Nocturno, que mestura actores profesionais e non profesionais.

"Mais que contar a historia destes pescadores, do buque ou do porto", sinalan os produtores, "o cineasta intenta transmitir cunha linguaxe lírica o foro interno do mariño, esa figura case mítica confrontada á distancia dun fogar que xa non recoñece". Segundo algúns dos programadores que xa accederon á fita, o rastro dos últimos filmes do estadounidense Terrence Malick ou do francés Philippe Grandieux detéctase nas imaxes de Pulpeiro.

Como Vikingland (Xurxo Chirro, 2011) ou Costa da Morte (Lois Patiño, 2013), pezas do Novo Cinema Galego de olladas moi diferentes, case contrapostas, Nocturno: Fantasmas de Mar en Porto trata, ao cabo, do mar e a súa relación cos humanos. No Festival de Xixón, que se celebra entre o 17 e o 25 de novembro, optará aos premios da sección Llendes -dedicada a traballos que "rachan as fronteiras ente xéneros e estilos"-, ao de "mellor película española" e ao do público.

A produción de Nocturno, a cargo da compañía coruñesa A Cuarta Parede Films, contou con capital colombiano e español. A montaxe e parte da posprodución, amais da rodaxe, foron en Galiza, de onde ademais proceden algúns dos intérpretes.

Comentarios