Cinema

O Primavera de Cine valoriza as producións galegas e lusófonas

O certame organiza dúas estreas internacionais.
Fotograma de 'Meu amigo Lorenzo', do brasileiro André Luiz Oliveira.
photo_camera Fotograma de 'Meu amigo Lorenzo', do brasileiro André Luiz Oliveira.

O certame cinematográfico decano da cidade de Vigo, o Festival Primavera de Cine, arrinca esta terza feira a súa 12ª edición, que decorrerá até o día 10 de setembro. A programación, centrada en filmes galegos e da lusofonía, contará tamén cunha oferta de actividades paralelas gratuítas.

Apoiado polo Instituto Camões, o Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra, o festival terá lugar nas súas sedes habituais: o auditorio do Concello, a sede viguesa do Instituto Camões e o Museo Marco. Nelas veranse as longametraxes e as curtas que, nesta edición, se aglutinan nas seccións "Céu em fogo", "Charneca em flor", "Denuncia do desequilibrio" e "As moradías do vento".

A organización do festival destaca a "variedade da programación", que se ve reflectida nunha selección de curtametraxes que abranguen xéneros moi diversos, contando con traballos de cineastas de longa traxectoria como Nani Matos, Alba Pino ou Fernando Tato.

Estreas internacionais

En canto á sección de longametraxes, haberá dúas estreas de carácter internacional: Meu Amigo Lorenzo, do brasileiro André Luiz Oliveira, e De verdade queredes saber o que pensamos?, do galego Cris Lores. Tamén se proxectarán traballos de directores e directoras como Marta Blanco e Roi Cagiao.

Dentro das actividades que complementan a programación do festival ofrecerase unha conferencia impartida por Adriana Páramo, un obradoiro coordinado por Lores e Belén Veleiro, un concerto do compositor Oswaldo Pro, e a estrea da curta Carmen, de Fernando Cornide.

Comentarios