Máis

O pranto de San Lourenzo

As Perseidas nos días de máis intensidade
centro astronomico de trevinca 2
photo_camera O Centro Astronómico de Trevinca nunha das súas actividades de observación. (Foto: Centro Astronómico de Trevinca)

Hoxe, 10 de agosto, como todos os anos, San Lourenzo volve chorar o seu martirio. Aínda que só sexa metaforicamente e esa sexa a explicación máxica dun fenómeno científico, o das Perseidas, coñecidas como Bágoas de San Lourenzo, que volven encher o ceo de luz. A pesar de que este fenómeno astronómico leva producíndose desde o 17 de xullo e continuará até o 24 de agosto, será a partir de mañá, día 11, cando se producirá a maior intensidade na actividade dos astros, o que facilitará a súa observación para espertas e curiosas que, iso si, será preferíbel que se acheguen até zonas con pouca contaminación luminosa.

É tamén recomendábel afastarse do mar, onde a borraxeira pode impedir a visión. Aínda así, este será un bo ano para a observación porque a lúa, en fase decrecente, non dificultará a tarefa. Para localizar as Perseidas non son necesarios grandes esforzos. Paciencia e unha posición cómoda constitúen as claves principais. Mais, como o seu nome indica, pódese buscar a constelación de Perseo, a partir de onde parecen proceder, aínda que pouco teña que ver coa súa orixe.

Esta actividade meteorítica prodúcese polo cometa 109P/Swift-Tuttle, cuxa aproximación periódica á Terra implica que os fragmentos que vai soltando se desintegran ao chegar á atmosfera e comezan a arder, producindo o que desde  a superficie se percibe como un ceo escintilante ao que pedir desexos. Varios observatorios ofrecen nestas datas unha visión guiada do ceo. Exemplo disto son o Observatorio Astronómico de Forcarei (Terra de Montes), o Centro Astronómico de Trevinca (A Veiga, Valdeorras) ou o festival Chandefolk (Vigo), que contemplou actividades astronómicas de balde e abertas para a cidadanía.

Comentarios