O portorriqueño Residente renuncia a actuar no Morriña Fest ao tratarse dun festival vinculado ao fondo proisraelí KKR
René Pérez Joglar, coñecido artisticamente como Residente, anunciou esta semana a cancelación dos seus concertos no Morriña Fest 2025, que se desenvolve na Coruña, así como no FIB 2025 (Benicàssim, País Valencià), porque ambos están vinculados co fondo de investimento proisraelí KKR.
A multinacional estadounidense de administración de fondos e capital de risco "inviste e apoia economicamente a empresas de Israel relacionadas con tecnoloxía militar, sistemas de vixilancia e até espionaxe", indicou o rapeiro en redes sociais.
"Tamén financia proxectos inmobiliarios en asentamentos ilegais en territorios palestinos ocupados, contribuíndo desta maneira indirectamente ao xenocidio e á violación sistemática de dereitos humanos contra o pobo palestino", explicou.
Residente asegurou que non pode participar "nin un só segundo en algo que estea relacionado con esta traxedia, aínda que sexa da maneira máis mínima", noutra alusión á campaña militar emprendida e ao xenocidio perpetrado por Israel sobre a Faixa de Gaza.
"Grazas por entender e que viva Palestina libre", fechou no vídeo o artista portorriqueño, coñecido por non esconder as súas conviccións políticas, quen ademais publicou unha foto dun concerto no que tomou unha bandeira palestina.
"Non sei se terá consecuencias legais"
"Con todo o respecto e ofrecendo as miñas máis sinceras desculpas a todos os que compraron entradas para verme, anunciarei oficialmente que non vou actuar nestes festivais", sentenciou o artista portorriqueño.
"Non sei se esta decisión traerame consecuencias legais, mais honestamente, non me importa. A miña postura sobre isto é clara; sempre o foi, e sempre o será", concluíu aludindo ao seu claro rexeitamento fronte ao xenocidio perpetrado por Israel contra o pobo palestino.