Máis

Pontes da cidade das Burgas

Os viadutos testemuñan a historia de Ourense
Ponte Romana Ourense
photo_camera A ponte Vella ou ponte Romana é a infraestrutura máis característica da cidade de Ourense. / Nós Diario

A ponte Vella de Ourense é un símbolo da cidade desde a época romana, cando se construíu como un paso estratéxico para salvar o río Miño ao seu paso pola cidade. De acordo coa tradición, a  ponte data aproximadamente do século II d.n.e., da época de Traxano, un dos emperadores máis populares. Non obstante, existen evidencias construtivas que a vinculan a Augusto

Da primitiva ponte romana só se conservan algúns perpiaños almofadados das bases como vestixios dunha das estruturas máis importantes da provincia romana de Gallaecia.

A primeira reconstrución que consta nos rexistros executouse entre 1228 e 1229, patrocinada polo bispo Don Lourenzo. Foi entón cando se lle deu o perfil actual co arco apuntado e as ramplas en ascenso. A mala cimentación desembocou no derrubamento da ponte.

Dos 11 arcos primitivos hoxe consérvanse 7. No primeiro da beira esquerda aínda se poden apreciar visos da construción romana orixinal (que indica a altura da infraestrutura). 

Mide 370 metros de longo, cun arco central de 43 metros de ancho por 38 de alto sobre o nivel medio das augas. Está construída en pedra granítica da comarca de Ourense.

O segundo viaduto da cidade chegou a comezos do século XX. En 1918 inaugurouse a ponte Nova co obxectivo de mellorar a comunicación entre as dúas beiras do río Miño. O deseño modernista do seu arco central, caracterizado polos acabados metálicos, evoca as creacións de Gustave Eiffel.

A ponte Nova presenta seis arcos de perpiaño e un tramo metálico de arco parabólico con 74 metros de luz. Nos laterais, de esquerda a dereita, hai tres arcos de medio punto de 12 metros de luz seguidos dun de tipo abatido de 25 metros de luz.

En 1971 construíuse a ponte Novísima ou ponte Ribeiriño integramente en formigón, a 20 metros sobre o nivel normal do río Miño.

A última ponte da cidade das Burgas é a ponte do Milenio. Obra de estética vangardista, hoxe considérase un símbolo do Ourense contemporáneo. A súa característica máis relevante é a súa lonxitude de 275 metros e o sistema de tirantes de aceiro.

Comentarios