Ponte... nas ondas! sorprenden nos Ondas en Barcelona

O proxecto de Ponte... nas ondas! sorprende en Barcelona ao recoller o Premio Ondas na categoría de radio pola mellor cobertura informativa. Destacadas figuras da comunicación gabaron unha iniciativa que conxuga o ámbito escolar e o radiofónico. 

Premios Ondas
photo_camera Premios Ondas

Nos distintos actos que se desenvolveron en Barcelona con motivo da entrega dos Premios Ondas, os representantes da asociación Ponte... nas ondas! palparon o recoñecemento de coñecidas figuras do ámbito da comunicación por unha iniciativa de carácter social e cultural que xunta o ámbito educativo e o da radio en Galiza e Norte de Portugal. Santiago Veloso, voceiro da asociación, destacou na súa intervención que o Ondas era o premio a unha traxectoria de traballo que implicou a multitude de emisoras radiofónicas, escolas e xornalistas implicados no proxecto, entre eles o escritor músico e xornalista Xurxo Souto -membro do Consello de Administración de Sermos Galiza- que participaron na multitude de actividades desenvolvidas nas últimas dúas décadas.  

“Aproveitamos tamén para sinalar que este era un premio ao traballo das escolas públicas e agradecemos a todas as entidades e particulares que contribuíron a Ponte... nas ondas ademais de lembrar que seguimos a traballar para que o patrimonio inmaterial entre na Lista Representativa da Unesco”, afirma Santiago Veloso aínda desde Barcelona, onde ademais do propio acto de entrega do premio, participou nunha recepción das persoas galardoadas co alcalde da cidade no Palacio de Albéniz onde puido de maneira máis intensa descubrir a admiración e a sorpresa que espertou a iniciativa que foi premiada entre 300 candidaturas presentadas. Ponte... nas ondas! aproveitou a viaxe a Barcelona tamén para presentar á colectividade galega o seu proxecto nun acto público. 

Mostra da oralidade

Mentres diversos membros de Ponte nas... ondas! recollían o Ondas en Barcelona, nenos e nenas de Galiza e Portugal participaban nunha nova edición -a XII- da Mostra da Oralidade na que interviron Xoán Curiel, Migallas, Paco Nogueiras e a asociación cultural Fértil. 

A mostra facía parte da campaña pola inscrición na Lista Representativa da UNESCO do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués e ten entre os seus contidos narración oral, cantos, danzas, música, xogos de lingua e teatro popular como quedou á vista no auditorio Afundación de Vigo.- A actividade asistiron centros educativos de Caminha, Vilanova de Cerveira, Valença do Minho, Monçao, Melgaço, Salvaterra de Miño, Nigrán e Vigo.

Comentarios