xoves 16/09/21

Pesar polo falecemento de Pancho Pillado

Figura chave da historia do teatro na Galiza. Autor de numerosos títulos como O teatro de Manuel Lugrís Freire, Cinco aspectos do teatro galego ou Camiño sen retorno, e de pezas teatrais como Na outra banda da ponte ou Figaro ou a inútil precaución. Foi autor tamén, canda Fernán Vello, de A nación incesante conversas con Xosé M. Beiras

Francisco Pillado Maioir nunha imaxe de marzo deste ano

O editor e dramaturgo, Francisco Pillado faleceu, esta quinta feira, 12 de agosto, á idade de 81 anos. Fillo do xornalista e director de La voz de Galicia, Francisco Pillado Ribadulla, vinculouse desde moi novo aos movementos de impulso do teatro galego, facendo parte en 1965 do núcleo fundador do grupo de teatro da asociación O Facho da Coruña.

A súa figura é chave para entender a historia do teatro na Galiza na segunda metade do século XX. Promotor de compañías como a Escola Dramática Galega, Luís Seoane ou Elsinor Teatro, estas últimas en parcería con Manuel Lourenzo, co que publicou en 1987 o Dicionario do teatro galego (1671-1985), foi autor de números traballos neste eido.

Entres estes, destacaron O teatro de Manuel Lugrís Freire, Cinco aspectos do teatro galego ou Camiño sen retorno, sendo autor ao tempo de varias pezas teatrais como Na outra banda da ponte ou Figaro ou a inútil precaución. Foi autor tamén, canda Fernán Vello, de A nación incesante conversas con Xosé M. Beiras

O  nome de Pillado está asociado a múltiples iniciativas no ámbito cultural, particularmente no mundo da edición. A este respecto, merece un especial relevo a súa labor, na fundación, impulso e dirección da Editorial Laiovento, onde ocupou durante anos importantes responsabilidades. Elixido membro do Consello Directivo da AELG en 1984 e 1988, recolleu o Premio Bos e Xenerosos dedicado á Editorial Laiovento en 2014 en Pontevedra.

Ao tempo, vai exercer como presidente de honra da Fundación Praza Pública, editor do diario galego do mesmo nome. O seu falecemento está deixando múltiples mostras de pesar no mundo cultural galego, onde fica para sempre na lembranza de moitos amigos e colaboradores. En 1997, foi elixido polo Parlamento de Galiza e a proposta do BNG, membro do Consello de Administración de Compañía de Radio-Televisión de Galiza. Ocupou este cargo durante dúas lexislaturas.

O escritor e tradutor Henrique Harguindey manifestou, ao coñecer a nova, que "unha frutífera vida de entrega ao noso país construíu a aportación fundamental de Francisco Pillado á dignificación da cultura galega. Sempre será lembrado!".

Laiovento

Laiovento remitiu unha nota con motivo do pasamaneto: "Os compañeiros e compañeiras membros  de Edicións Laiovento queremos expresar públicamente a nosa mágoa polo pasamento de Francisco Pillado Maior. O noso benquerido Pancho Pillado fora, hai xa trinta e un anos,  a alma mater na ideación e posta en obra do proxecto desta editora, en colaboración co libreiro Suso Couceiro, o economista Afonso Ribas, o deseñador e maquetista Pepe Carreiro, o impresor Manolo González Millares e o profesor Xosé M. Beiras. Na andaina dese proxecto editorial, daquela insólito e anovador no seu contexto, levado adiante mediante un constante labor de equipa e traballo gratuito, Pancho asumiu dende o comenzo, con absoluta e xenerosa entrega,  o rol de director do programa editorial, no que demostrou a súa grande e polifacética cultura e erudición, a súa inesgotábel curiosidade intelectual, a súa exquisita sensibilidade estética e ética, e mais a súa solidaria actitude de diálogo e colaboración cos demáis membros da equipa no traballo colectivo e na toma de decisións.  Retirado da actividade nos últimos tempos por motivos de saúde, hoxe choramos o seu pasamento, mais a sú presenza segue a estar viva cabo de todos nós e a súa lembranza remanece nos nosos corazóns. Así queremos transmitírllelo á súa agarimosa e leal compañeira Noli e mais ás súas fillas Helena e Ana: a elas tres queremos facerlles constar o noso pesar pola súa perda e o noso solidario agarimo".

comentarios