'Paranoia': Música contra as verteduras de San Finx

Rhome e Totateki publican esta quinta feira o tema 'Paranoia' co que pretenden denunciar as verteduras de San Finx permitidas pola Xunta que afectan tanto o medio ambiente como o medio de traballo de millares de persoas que viven do mar.
O cantante Rhome e a tiktoker (Fotos: cedidas)
photo_camera O cantante Rhome e a tiktoker Totateki (Fotos: cedidas).

As verteduras da mina da San Finx, en Lousame, teñen provocado a indignación da xente que traballa na ría de Muros e Noia así como da veciñanza da zona.

A localidade de Noia tornouse un clamor contra estas verteduras no pasado mes de marzo cunha gran protesta en que participaron millares de persoas.

Mais tamén existen outros medios para protestar. A música sempre foi unha grande arma para denunciar as causas inxustas. Isto mesmo pensan o cantante noiés Pablo Romeu, coñecido como Rhome e a ‘tiktoker’ Mercedes da Silva, máis coñecida polo seu nome en redes sociais Totateki.

Rhome e Totateki publican esta quinta feira o tema Paranoia co que pretenden denunciar as verteduras de San Finx permitidas pola Xunta que afectan tanto o medio ambiente como o medio de traballo de millares de persoas que viven do mar.

Totateki, que acumula 226 mil seguidores na rede social TikTok, atendeu Nós Diario para tratar a publicación da canción e as consecuencias das verteduras da mina.

“É un tema que sacamos desde o corazón porque é unha problemática que nos afecta a toda a veciñanza. Esperemos que á xente lle guste”, afirma Totateki.

A creadora de contido manifesta, ademais que “eu vivo do mar, son mariscadora, e isto é algo que nos preocupa moito, xa que non sabemos o que vai pasar no futuro e se poderemos vivir do noso traballo”.

Sobre o posíbel futuro, a tiktoker asegura que “non sabemos o que vai pasar, somos unha especie de monicreques de quen goberna. Queremos que a canción tamén sirva como unha chamada de atención para que quen nos goberna saiba que non se nos pode tomar á lixeira”.

Canción protesta

Pablo Romeu tamén atendeu Nós Diario para tratar o proceso creativo detrás da canción e o poder da música como protesta. “Estaba moi crispado polo tema e, a partir dunha conversa, xurdiu a idea de facer unha canción para deixar claro que non estamos de acordo con estas verteduras, afirma Rhome.

“Fixemos a canción por partes e Mercedes estivo presente en todo momento porque ela está directamente afectada pola problemática. Ademais, ela deulle un toque moi especial ao tema” acrecenta o cantante.

Sobre a capacidade da arte e da música de espallar unha mensaxe, Rhome asegura que “efectivamente, a música pode servir para cambiar a situación. Esta canción nace dunha problemática que nos ten moi preocupados e é unha maneira de levar adiante unha mensaxe Podemos dicir que se trata dunha canción protesta ao 100%”.

Comentarios