A Confraría de Noia constitúe unha plataforma de afectados polas verteduras de San Finx

A confraría chama á participación de todo tipo de colectivos, entidades, asociacións, empresas, clubs ou forzas políticas na nova plataforma.
Manifestación na alameda de Noia contra as verteduras de San Finx (Foto: Plademar).
photo_camera Manifestación na alameda de Noia contra as verteduras de San Finx, o pasado sábado. (Foto: Plademar)

A Confraría de pescadores de Noia anunciou este sábado a través dun comunicado aos medios que procederá á inmediata constitución dunha plataforma comarcal de afectados pola explotación da mina San Finx.

Unha medida máis por parte do pósito ante a autorización recibida pola empresa mineira, por parte de Augas da Galiza, para a vertedura de augas residuais “contaminadas” e a posterior explotación do complexo.

“A sociedade está indignada e defenderá os seus intereses até as últimas consecuencias, para o que se constitúe a plataforma de afectados, á que se poderán adherir todo tipo de colectivos, entidades, asociacións, empresas, clubs ou forzas políticas que entendan podan ser afectados directa ou indirectamente”, expresou a entidade noiesa.

“Animamos á sociedade en xeral a formar parte da plataforma, co fin de reivindicar o noso medio de vida, o medio ambiente, o noso comercio, a nosa saúde ou a nosa cultura”, adheriu a confraría de pescadores. Aos efectos manteranse reunións e se poderán enviar solicitudes de adhesión ao correo electrónico do colectivo, [email protected].

Ademais, a entidade de pescadores de Noia fixo de novo un chamamento “á cordura da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, para que paralice a posibilidade de execución da autorización”, unha medida que solicitou o pósito como medida cautelar urxente nada máis ter coñecemento da autorización.

Impacto inminente

“De non suspenderse a execución da autorización, a vertedura das augas que a empresa australiana pretende bombear desde as plantas inundadas da mina causará un enorme dano ambiental e prexuízo económico ao sector do mar, pois a ría de Muros e Noia está tan só sete quilómetros por debaixo da mina” explica a organización.

Así mesmo, lembran que “o baleirado das plantas inundadas, que require un bombeo e vertedura constante de grandes proporcións que incluso duplicaría o caudal do río durante a maior parte do ano, non soluciona nada nin posibilita a actividade mineira se esta carece, como até o de agora, das preceptivas autorizacións ambientais”.

Ademais, o baleirado das plantas inundadas, sinala a confraría, “non é unha acción puntual, senón que implica un bombeo e unha vertedura continuada que, de pararse, levaría ao punto de partida, isto é, á reinundación da mina, pondo en risco sen ningún propósito toda a actividade de marisqueo na ría”.

Comentarios