25-X | DÍA DA PATRIA GALEGA

O Panteón dos Galegos Ilustres acolle a misa e a homenaxe floral a Rosalía

Representantes de diferentes institucións participaron no acto.
Asistentes ao acto de homenaxe a Rosalía. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Asistentes ao acto de homenaxe a Rosalía. (Foto: Nós Diario)

Misa en galego e ofrenda floral na honra de Rosalía de Castro. Van xa máis de nove décadas que esta tradición no 25 de Xullo se mantén malia os episodios de represión sufridos baixo a ditadura franquista. O acto decorreu no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, Santiago de Compostela, e nel tomaron parte representantes de diferentes administracións e institucións da Galiza, co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, á fronte.

Entre outras, estiveron representadas na misa e ofrenda floral á poeta nacional as deputacións provinciais, o Parlamento da Galiza, as universidades de Vigo e de Santiago, así como a UNED, os concellos de Compostela e Padrón, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega. A orixe deste acto está a finais da década dos 40 do século pasado, cunha misa en galego en honra de Rosalía de Castro.

Como no seu día explicaron desde a propia Fundación da Casa-Museo de Rosalía de Castro, "en 1969 cantouse o himno, interpretado polo coro Ondas do Mar de Vigo, e á saída entoouse colectivamente o "Venceremos nós" no adro de Bonaval, ao que lle seguiron berros de "Viva Galicia ceibe" e "Liberdade para Galicia. Os feitos provocaron a intervención violenta da policía e foi detido e arrestado Xaime Illa Couto".

Comentarios