CONTRACULTURA

Pablo J. Rañales: "En galego precisamos ciencia ficción porque nos axuda a enfrontar os nosos medos colectivos"

Pablo J. Rañales é xornalista e autor de varias obras, entre elas, 'Os afogados', coa que vén de gañar o Premio Illa Nova de Narrativa, convocado pola editorial Galaxia. Rañales aborda a relación coa natureza e os ecosistemas así como os mecanismos a través dos cales os discursos de odio acaban por callar na sociedade.
O escritor e xornalista Pablo J. Rañales. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O escritor e xornalista Pablo J. Rañales. (Foto: Nós Diario)

Cal foi o punto de partida para a historia?
Foi na praia do Xuncal (Ares), que é moi especial porque hai moita diferenza á hora de estar na praia segundo estea a marea alta ou baixa. Gustábame imaxinar que debaixo da ría había unha sorte de segredo, unha civilización oculta que saía da ría e así se me ocorreu esta idea de que o que emerxera fora unha figura antropomórfica, nin masculina nin feminina, salgada.

Eu tiña claro que quería contar unha historia na que a paisaxe galega tiña que ter moita relevancia, que tiña que haber moitos lugares relacionados coas praias e coa propia natureza, tanto de mar como do interior da Galiza, polo que para min esta imaxe inicial foi vital á hora de entender o ton da novela, é dicir, a que tiña que soar a historia. Para min, soa a algo salgado, a vento mariñeiro, a area e a natureza. 

—Fala desas paisaxes, mais tamén das relacións humanas e dos discursos de odio.
A min interésame moito a oposición e a conxunción entre natureza e tecnoloxía. Por unha parte, quería que esta obra servise para reflexionar sobre a nosa conexión coa natureza. 

Ao final, estes seres, os afogados, dan dúas opcións para encarar a nosa relación con eles: o belicismo ou a curiosidade e o cariño. Polo tanto, ao mesmo tempo que facemos esta reflexión sobre a relación cos ecosistemas, tamén hai unha liña de pensamento que é desde onde nos relacionamos. A historia comeza cando estes seres emerxen do mar e quedan na area como estatuas. Comezan sendo algo focalizado en moi poucas praias, mais pouco a pouco toda a Galiza se ve invadida. Sabemos que están vivos e que semella que queren comunicarse con nós, mais como vai reaccionar a sociedade científica ou a civil e o aparato estatal? Unha das cousas que ocorre na historia é que se viralizan certos discursos nas redes sociais que atentan contra estas figuras como colectivo. 

Eu entendo a escritura desde a reflexión sobre o mundo e sobre min mesmo e creo que o noso compromiso tamén é o de reflexionar sobre problemas estruturais, así como axudar a que a xente poida sentir o acougo de saber que os nosos problemas son colectivos e non tan individuais como pensamos. 

—Esta tamén é a súa primeira novela en galego.
Eu xa publiquei dúas obras en castelán e agora podo dicir que estou nun proceso de neofalantismo. Primeiro comecei desenvolvendo toda a miña carreira xornalística en galego, tanto durante o grao como nas oportunidades que tiven despois. Descubrín que estaba introducindo moito galego na miña vida oral, máis aló do profesional, polo que só me faltaba escribir literatura en galego. 

Decidín dar ese paso e facelo desde este xénero, unha sorte de ficción científica, porque non abunda na nosa lingua. Para min é moi importante porque entendo a ficción científica como unha forma de repensar o futuro, como unha forma de volver imaxinar as nosas sociedades, tanto para ben como para mal. 

En galego precisamos ciencia ficción da mesma maneira que precisamos terror ou fantasía, porque o primeiro nos axuda a enfrontarnos aos nosos medos colectivos como sociedade, mentres que a segunda nos axuda a evadirnos e a desconectar. Tamén creo que é moi saudábel facer esta transición de forma progresiva e se eu tivera que dar un consello a alguén, sería comezar por Twitter. 

Eu tiven a sorte de que tiña amizades galegofalantes na miña contorna que me permitiron introducir o galego no meu día a día, mais entendo que é máis difícil se non tes persoas así ao teu arredor. 

Na contorna máis próxima, como familia ou as amizades que sempre te escoitaron falar en castelán, é máis complicado. Ademais, para min Carretando, o podcast que teño con máis xornalistas sobre política galega, foi fundamental á hora de desenvolverme e coller soltura.

Comentarios