O OUFF trae nesta edición a Ourense tres películas con coprodución palestina

O festival audiovisual terá once seccións e catro estreas internacionais. 
O programador do OUFF, Alberto González, o seu director, Óscar Doviso, o seu asesor, César Silva, e o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández, presentan a programación do festival que comeza o 26 de setembro. (Foto: Eupora Press)
O programador do OUFF, Alberto González, o seu director, Óscar Doviso, o seu asesor, César Silva, e o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández, presentan a programación do festival que comeza o 26 de setembro. (Foto: Eupora Press)

O Ourense Film Festival (OUFF), que comeza pasadomañá e remata o 5 de outubro, incluirá nesta edición once seccións, tres de pago (catro euros) e o resto gratuítas, e incluirá catro películas de estrea internacional. O evento, segundo afirmou onte o director do festival, Óscar Doviso, inicia a súa andaina con Praia de Lobos, de Javier Veiga

A Sección Oficial Internacional incluirá doce películas que "abordarán moitas temáticas" como "os malos tratos, a violencia, a inmigración ou o amor", segundo subliñou Alberto González, programador do festival.

Nesta liña está a Sección Oficial Panorama Galiza, que incluirá o voto popular para escoller 10 películas, entre as que hai obras de Paula Cons, Lois Patiño ou Paula Veleiro, e que inclúe, ademais, a estrea de Lola, de Antón Caeiro, e Serê Kaniyê, de Olmo Couto.

Así mesmo, a sección Inédito en Ourense contempla o subtítulo 'Sos Arxentina' co obxectivo, segundo destacou César Silva, asesor do festival, de referirse á situación cultural do país, após a chegada á Presidencia de Javier Milei. Ademais, Silva incidiu en que a Sección Oficial Curtametraxes incluirá dúas producións arxentinas entre as 22 totais.

Neste sentido, Doviso destacou tamén a sección Made in OU e o Ciclo Amal en roteiro. Este último está dedicado ao cinema árabe e incluirá cinco películas coproducidas por países europeos, das cales tres son de coprodución palestina. 

Nesta liña, o festival presentou a sección Colleita, que busca recuperar traballos de xente relacionada co festival, ou a sección Xeración OUFF, na que se revisarán sete Calpurnias á mellor película, entre elas, o filme francés Entre Nós.

Comentarios