Os 40 anos da Lei de Normalización Lingüística, a debate no 'Sermos Galiza' desta fin de semana

O novo número do semanario ofrece tamén unha entrevista a María Pilar García Negro.
Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana (Foto: Nós Diario).
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana (Foto: Nós Diario).

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. Desta vez protagoniza o número o 40 aniversario da Lei de Normalización Lingüística.

Henrique Monteagudo e Marcos Maceira escriben senllas reportaxes sobre a lei.

No caso de Monteagudo, este asegura que “a aprobación da Lei de Normalización Lingüística foi un fito histórico. O galego gañou novos ámbitos, a produción cultural florece, a maioría da poboación sabe lelo e escribilo. Non obstante, segue perdendo falantes, os grandes medios danlle as costas, vellos prexuízos rebrotan con brío e xorden outros novos. Que había que facer e non se fixo? Que se fixo mal? Que se puido facer mellor? Como reverter a súa perda? Mesmo se non temos respostas claras, cómpre formular esas preguntas”.

Pola súa parte, Maceira indica que “A Lei de Normalización Lingüística fai 40 anos e aínda se entende non como punto de partida do proceso de normalización do galego, senón como máximo ao que aspirar condicionado a non cuestionar a hexemonía do español. En 1986, o Tribunal Constitucional sentenciou a subordinación do galego con aparencia de cooficialidade, onde o prefixo "co" remarca que a verdadeira oficialidade só corresponde á lingua do Estado. Hoxe, coa participación da Xunta da Galiza, a ausencia e exclusión do galego de gran parte dos espazos da vida social impide o seu uso normal, favorece a perda de falantes e obstaculiza novas incorporacións”.

María Pilar García Negro

Entre estes dous textos poderemos encontrar unha entrevista a María Pilar García Negro realizada por María Obelleiro.

Na conversa, García Negro tamén aborda os 40 anos da Lei de Normalización Lingüística e indica que “celebramos ou, simplesmente, recordamos, os 40 anos dunha lei, mais non de normalización, porque son 40 anos de non-normalización. A aquela altura, xa non era unha lei adecuada, e menos agora”.

“Na nosa nación partimos dunha situación de diglosia estrutural, por utilizarmos unha definición de Ninyoles, o ilustre sociolingüista valenciano. A Lei de Normalización non só non dispón enfrontar este problema estrutural da sociedade galega, resultado dunha profunda ferida histórica, senón que o lexitima, co cal a normalización do galego fica imposibilitada”, manifesta García Negro.

Literatura, música, cinema... E máis!

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Manuel Barreiro analizan na sección de Libros as últimas novidades do ámbito editorial, a comezar por As políticas da ecoloxía social: municipalismo libertario de 13 editora e A batalla de Rande de Xerais.

No apartado musical, Olga Brañas analiza Regalía un disco que mestura a música galega e árabe. Pola súa parte, Álvarez Rodríguez escribe un artigo titulado ‘Cultura sen país’.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Spider-Man: Across the Spider-Verse, de Joaquim Dos Santos, Kemp Powers e Justin Thompson.

Sole Felloza e Lázaro Armental escriben nas seccións de patrimonio Oral e Arquitectura respectivamente mentres que Pepe Barro achega unha análise na sección de Deseño.

E, por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios