O sector editorial baixa en facturación e postos de traballo

Os datos do Informe de Comercio Interior do Libro de Galicia poñen sobre a mesa un descenso da facturación e do número de postos de traballo no sector editorial O presidente da Asociación Galega de Editores, Manuel Bragado e o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lourenzo presentaron a radiografía do mundo editorial galego con datos de 2011. Con respecto ao ano anterior a facturación descendeu un 12,3% e o número de postos de traballo caeron nun 25% desde 2007.
Libros
photo_camera Libros

A cifra de facturación total obtida pola venda de libros en 2001 foi de 27.169.248 euros, cun descenso do 12,3% con respecto ao ano anterior e dun 14,8% en relación ao 2007. A venda de libros en galego supuxo un 21.434.329 euros, cunha caída do 8,1% con respecto ao anterior e do 2,5% en referencia a 2007, o que supón unha menor baixada da experimentada no cómputo global. Da facturación das editoriais galegas un 78,9 % vén dos libros en galego. Un 73,6% da produción editorial está en galego nas editoriais privadas, e en texto non universitario e infantil e xuvenil superan o noventa por cento.

Canto ao número de títulos, en 2011 editáronse un total de 2.156 , cifra que se incrementa nun 34,9% con respecto ao 2007 e de 2,0 % respecto ao ano anterior. Descende, con todo un 13,7% con respecto do 2008 en tiraxe media por título, que se sitúa en 1.560.As editoriais privadas editaron 3.006 títulos no 2011 con 3.892 miles de exemplares e unha tiraxe media de 1.295 por título.

Os títulos en galego en 2010 aumentaran un 11,6% e os exemplares un 13,5% e en 2011 os títulos incrementáronse nun 1,3%, manténdose os exemplares, o que supón lixeira da tiraxe.

Por especialidades, é significativa a presenza de infantil e xuvenil cun 21,0%, case á par de literatura cun 22,45 e só superado polos libros de texto non universitario con 26,8%. O 82,1% dos títulos editados atópanse nestas categorías aínda que desde o informe se destaca o aumento de libros en literatura e ciencias sociais e humanidades. Texto non universitario e literatura infantil e xuvenil suman o 79% da produción total de exemplares.

Crise laboral

Ás empresas editorias non están á marxe da eliminación de postos de traballo. Segundo os datos de 2011 teñen contratadas a 236 persoas cunha media de 5 empregados, mais sofren un descenso dun 25% de postos de traballo desde o 2007 ao 2011.


A Asociación Galega de Editor@s está integrada por 48 empresas das cales máis da metade, 52,2% (25 ) forman parte dun grupo empresarial e o 47,8% restante (23) son empresas independentes. As editoriais privadas dispoñen de 13.994 títulos vivos en catálogo en 2011, aumentando a orferta un 5,5% da cifra do ano anterior. Deses, 10.708 están escritos en galego.

Comentarios