O ILG súmase ao Consello da Cultura e nega ter presionado á Academia

O Instituto da Lingua Galega nega ter presionado á Academia para que retirara o recurso contra o decreto do plurilingüismo como denunciou o secretario da institución, Xosé Luis Axeitos. O ILG ven de facer público o comunicado un día despois de que o Consello da Cultura Galega se posicionara no mesmo sentido.
Charo Álvarez, do ILG, e Ramón Villares, do CCG
photo_camera Charo Álvarez, do ILG, e Ramón Villares, do CCG

O ILG agardou para se manifestar o tempo preciso que marcan as convocatorias oficiais da entidade. Despois da xuntanza do Consello Científico desenvolvida na mañá deste xoves, a entidade da Universidade de Santiago afirma que "desexa desmentir categoricamente as imputacións" formuladas por Axeitos ademais de expresar a vontade de "seguir colaborando de maneira activa e leal coa Real Academia Galega, sen máis pretensión que a de contribuír solidariamente ao estudo, desenvolvemento e promoción da lingua galega". 

Lembra que os membros do ILG que forman parte do plenario da Académica están alí a nivel persoal e non actuan como colectivo no seu funcionamento interno. En canto á posición sobre o decreto do plurilingüismo, o ILG  lembra que xa ten manifestado a súa "firme e manifesta oposición"  facendo seus “en todos os seus aspectos a análise elaborada pola Real Academia Galega”. Reafirma o ILG a súa "lealdade e compromiso" coa Academia, e deixa ver que a entidade non presentara recurso xa que "carece de personalidade xurídica propia e non pode acudir aos tribunais" mais, de todas maneiras, sinala que "non mudou a súa posición nin, por suposto, promoveu ningún tipo de acción para orientar ou condicionar as decisións da RAG". Chama finalmente á colaboración de institucións e entidades que teñen como obxectivo a defensa, promoción e difusión da cultura e lingua galega. 

Comentarios