O CCG nega presións á Academia Galega

O Consello da Cultura Galega vén de emitir un comunicado polo que desminte as declaracións nas que o secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos, denunciaba presións por parte do organismo presidido por Ramón Villares arredor do recurso contra o Decreto de Plurilingüismo.
Charo Álvarez, do ILG, e Ramón Villares, do CCG
photo_camera Charo Álvarez, do ILG, e Ramón Villares, do CCG

Despois da xuntanza da Comisión Executiva, o CCG negou, a través dun comunicado, as acusacións de Xosé Luís Axeitos, secretario da RAG, segundo as cais a institución presidida por Ferrín tiña tido presións tanto deste organismo como do ILG para retirar o recurso presentado contra o Decreto de Plurilingüismo. 

O CCG afirma que as insinuacións de presións á RAG "son totalmente infundadas" e lembra que o plenario da institución se pronunciou en dúas ocasións arredor da lingua a través dous informes públicos nos que manifestaba a súa posición ao decreto que regula o uso do galego no ensino. 

A CCG fai tamén unha chamada "a favor da actuación responsábel, no ámbito das súas competencias, das institucións da cultura galega". Sinala tamén a necesidade de "manter liñas de colaboración e de respeto mutuo, como o Consello da Cultura Galega vén practicando de forma sistemática desde a súa creación". 

Para esta quinta feira, o ILG ten convocada unha xuntanza do seu Consello Científico e agárdase tamén un pronunciamento arredor das acusacións de Xosé Luís Axeitos, secretario da RAG. 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios