'ABRIDE A FIESTRA'

O día grande para as rosaliás

O Festival 'Abride a Fiestra' na Casa de Rosalía enche este domingo de propostas, actividades e recoñecementos na previa ao aniversario do pasamento de Rosalía de Castro.

casa rosalia

Rosalía segue a haber só unha. Polo menos para as miles e miles de rosalíans que hai por todo o mundo e que teñen na Casa da Matanza de Padrón a súa particular 'Meca'. “Abride a fiestra que quero ver o mar” foron, segundo a versión da súa filla Gala, as últimas palabras de Rosalía de Castro antes de morrer en 1885. 'Abride a Fiestra' é o nome do festival que decorre na Casa de Rosalía esta fin de semana previo ao 15 de xullo, data de pasamento da escritora, e que ten neste domingo o seu día grande.

Entre os protagonistas musicais destas xornadas están Cristina Pato, Davide Salvado, Ugia Pedreira, Secho, Paco Nogueiras e a Coral de Padrón no apartado musical. 

Hoxe é unha xornada de portas abertas na Casa-Museo, na que ademais de actuacións musicais, unha ludoteca e unha feira con produtos rosalianos, e na que estará presente Nós Diario, haberá visitas guiadas por personaxes coñecidos ou especialistas. Entre as persoas que guiarán polos diferentes cuartos da Casa da Matanza están o escritor Pedro Feijoo, o deseñador Pepe Barro -experto nas imaxes rosalianas-, o ex presidente da RAG Xosé Ramón Barreiro, o profesor Francisco Rodríguez e o estudoso da horta rosaliana, Carlos Dacal. E unha moi especial, protagonizada pola poeta Olga Novo, na que irá recitando poemas propios en cada estancia da casa. 

A mesmísima Rosalía e o seu marido, Manuel Murguía, participan nesta festa e interactúan cos presentes grazas aos actores afeccionados Ester Formoso e Carlos Ocaña. Outro dos atractivos é a proxección do filme ‘Contou Rosalía’ de Zenit TV, introducida pola súa directora, Zaza Ceballos. E regresan tamén as regueifas, con dous destacados neste xénero improvisatorio: Lupe Blanco e Kike Estévez.

Tamén haberá oferta para toda a familia, con contidos para os máis pequenos da casa: dous espectáculos do cantor Paco Nogueiras: “Brinca Vai” e “Radio Bule Bule”; e unha ludoteca -xestionada por Brazolinda- ao dispor das crianzas e das súas familias. Asemade, presentarase o Libro Escolar de Poesía que publicamos anualmente cos gañadores do Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro. 

Dentro do Auditorio haberá presentacións de libros, como ‘Cartas a Murguía III’, de Xosé Ramón Barreiro e Xosé Luís Axeitos; un relatorio de Carlos Castelao sobre as fotografías de Rosalía e outro do escritor e académico Xosé Luís Méndez Ferrín sobre “Rosalía, A Matanza e Rodríguez del Padrón”. Alén disto, Anxo Angueira -presidente da Fundación Rosalía- presentará o vindeiro proxecto da institución: “Amigos/as da Casa de Rosalía”. 

'Rosa de Galicia' para a familia Villar Granjel

A Fundación Rosalía de Castro concederalle a 'Rosa de Galicia' á familia de Xosé Villar Granjel, persoa clave -canda Xosé Mosquera- na recuperación e compra da Casa da Matanza en 1946 co obxectivo de a converter en Casa-Museo. Trátase dunha insignia de ouro co novo deseño da Fundación que foi realizado por Pepe Barro, que recoñece a persoas ou institucións que se significaran na defensa da figura da escritora ou na promoción do legado rosaliano.

Esta segunda feira, 15 de xullo, realizarase unha ofrenda floral no cemiterio de Adina, onde Rosalía foi soterrada inicialmente. 


 

Comentarios