Nova proposta fotográfica en agosto para o caderno ‘Máis’

‘Peza de verán’ busca os símbolos estéticos da Galiza.
Xan Muras. 'Saúdo'. Autorretrato. Do proxecto "Fiestra de poñente".
photo_camera Xan Muras. 'Saúdo'. Autorretrato. Do proxecto "Fiestra de poñente".

“Peza de verán” é unha proposta fotográfica de imaxes feitas en datas, sazóns e anos diferentes. Pensadas para contar e cantar diversos aspectos do suceso, tentar transmitir diferentes mensaxes e mesmo testemuñar uns feitos vividos. Agora traspoleiraron nun novo obxectivo non concretado ao momento de realizar cada toma. Dispersas só en aparencia, no fondo nós traballamos sempre coa mesma idea; interésannos aspectos do medio natural, da nosa cultura, da xente e da súa obra. 

Observamos con moita atención para coñecer a natureza de cada posíbel imaxe e remexemos no concepto. Se encaixa dentro das temáticas que estamos a traballar, faise a toma. A “peza”, pretende amosar como somos, a través de elementos da nosa contorna e aconteceres ao longo do ano. Integra elementos que valoramos como esencia do decorrer vital. Algúns pertencen a esa parte do vivido que esmorece, ou iso parece, e que moitas persoas traballamos con cabeza, pés e mans para conservalo. 

Nós reivindicamos a nosa cultura de temática intensa, ás veces con aparencia de apagada, simple e vulgar. Compuxemos a mensaxe visual con temática pobre e sinxela: Unhas herbas, unhas pedras, hórreos, paxaros, manifestacións en rúas e prazas, carrabouxos, castañas, un muíño, un forno, uns maios, un calacú, unhas cabras, un xato e unha vaca, un magosto, un batán, unhas marcas, un monte e unha penedía. Está presente o campo, as cidades, as aldeas, as montañas, os soutos, as carballeiras, as xornadas reivindicativas, as festas, o traballo, o medio natural... Parécenos, representado nalgúns aspectos o noso, un mundo simbólico, vivo e real. 

Agardamos que a música escrita -por partes- durante o mes de agosto, sirva para que a interpretedes e que resulte do voso agrado. Desexamos que os nosos gustos sexan, na maior parte, coincidentes cos das persoas que ledes e ollades este medio impreso. 

 

Comentarios