LUIS SOTO, FRAUTISTA DA RFG E MEMBRO DO TRÍO ACIVRO

"Nos entornos familiares a música clásica apenas entra"

O Trío do Acivro non é unha formación ao uso. Á frauta traveseira está Luís Soto, frauta da Real Filharmonía de Galicia e membro do TAC (Taller Atlántico Contemporáneo); ao violín está o seu fillo Lucas; e ao violoncello a súa filla Cecilia. E todos os nadais ofrecen un concerto didáctico na biblioteca Ánxel Casal de Compostela. A cita é mañá quinta feira ás 18.30 horas. 

triodoacivro
photo_camera Trío do Acivro

- Como comezastes co Trío?
- Todo comezou hai nove anos cando a Biblioteca Ánxel Casal comezou a facer actividades participativas, e como eu xa facía cousas en garderías e así, empecei no Nadal a facer o que eu lle chamaba "Unha frauta chea de contos" e logo Lucas, que ten agora 12 anos, comezou a vir comigo co violín, máis tarde apareceu Cecilia. E como trío este é o terceiro ano que participamos. É un concerto divulgativo, participativo, onde os rapaces están convidados a tocar o seu instrumento. Tocamos xuntos, os meus fillos explican os seus instrumentos e eu invéntome un conto para os máis cativos, utilizando sempre a música como elemento engadido. Digamos que argallo un conto musical.

- Xa vexo que lle meteches o becho da música aos teus nenos desde pequenos. 
- Si, non porque eu sexa músico, senón porque sempre considerei a música un elemento básico na educación de calquera persoa. Como elemento formativo é absolutamente fundamental, porque considero que a música é sobre todo escoita, e despois, nos máis cativos, inclúe unha destreza. Os meus fillos teñen a música como formación, como profesión xa serán eles os que decidan. Para ser profesional, a parte de ter moitas ganas e moito tesón, é necesario ter unhas dotes especiais, pero para ter unha formación non é preciso ser un superdotado. 

Sempre considerei a música un elemento básico na educación de calquera persoa

- O Trío Acivro non ofrece máis concertos ao longo do ano?
- É unha boa pregunta porque é algo no que me custa tomar unha decisión. De momento tocamos nalgunha gardería de amigos que mo piden. Excepcionalmente este ano pasado estivemos no Festival de Cans dentro do MiniCans, eu son de alí de pertiño, e non lle souben dicir que non. A cuestión é que tivo moito éxito e quérenme enlear de novo. Digo isto porque é moi delicado o que fago cos meus nenos. O da Biblioteca mantéñoo porque xa é algo que forma parte das nosas vidas, pero resúltame moi difícil sacalo dese entorno. O ano pasado Uxía enleoume para tocar en Mos, e fixemos algunhas cousas máis moi puntuais, pero sacalo de aí resúltame moi complexo. Só o facemos en entornos educativos, divulgativos e, por suposto, sempre dun xeito xeneroso e gratuíto. Ten que ter un elemento de colaboración, porque no fondo eu tamén estou educando os meus fillos. E tento educalos na xenerosidade e en compartir aquilo que podemos, de aí que participemos de forma tan entusiasa na Biblioteca. É un xeito de devolverlles á Ánxel Casal que ela nos presta a nós. Eu non dispoño de cartos, pero si de coñecementos musicais e de dous rapaces que poden ser dalgún xeito exemplo. E, de feito, todos os anos participo nas escolas dos meus fillos e sei de varios casos que hoxe tocan a frauta porque me escoitaron tocar a min alí. Ese é o mellor pago que nos poden facer a nós. 

Só o facemos en entornos educativos, divulgativos e, por suposto, sempre dun xeito xeneroso e gratuíto. Ten que ter un elemento de colaboración, porque no fondo eu tamén estou educando os meus fillos.

- Son concertos didácticos. Como reaccionan os nenos diante da música clásica?
- Dun xeito natural, porque tamén é presentado de xeito natural, non hai artificios. O problema da sociedade actual é que a música non existe no entorno das persoas, máis que como unhas pingas que van caendo. Nos entornos familiares a música clásica apenas entra, e descoñécense as virtudes que ten tocar un instrumento. Un director de orquestra moi coñecido dicía: "dálles aos nenos un instrumento, calquera instrumento, permítelle que se exprese". O noso obxectivo é que veñan a tocar con nós, tocan a miña frauta de ouro de miles de euros, proban o violín de Lucas e o violoncello de Cecilia. E probablemente algún deles chegará á casa e dirá: "papá, quero tocar un instrumento". Ese é o único obxectivo. 

- Tamén convidades aos nenos a unirse cos seus instrumentos. 
- Decateime de que un elemento moi importante. Eu levo 18 anos indo aos coles e pídolles que leven o instrumento, porque tocar un instrumento de clásica é unha singularidade, normalmente fano dous ou tres por aula. Iso singularízaos positivamente, porque de 20 xogan ao fútbol 18, pero un instrumento de 20 tócano 2. E iso enorgulléceos e engrandéceos diante da aula. E reciben o respecto da aula, senten como un orgullo propio. E na biblioteca acontece o mesmo, é como un agasallo para eles poder subir a un escenario.