Máis

Narón vístese de Celta

O Oenach Atlántico regresa coa festa a Sedes
oenachatlantico
photo_camera Artesanía na anterior edición do Oenach Atlántico de Sedes (Narón). (Foto: Concello de Narón)

A palabra Oenach xa forma parte do vocabulario particular de Ferrolterra. Esta verba de orixe indoeuropea significa "lugar de encontro da comunidade". Algo que o Oenach Atlántico, o festival celta do concello de Narón, leva construíndo na traxectoria das súas 23 edicións de vida.

A festividade, declarada de Interese Turístico da Galiza, recrea desde onte e até o 30 de xullo, na Campa do Trece da parroquia de Sedes (Ferrolterra) os costumes e vida dunha aldea castrexa. Recreacións teatrais, feiras de artesanía, música, gastronomía... Un compendio de actividades para devolver Narón a centos de anos de antigüidade nunha festa que naceu co obxectivo de divulgar o patrimonio cultural, pondo así en valor o castro de Eiravedra situado en Sedes.

A programación deu comezo ás 21 horas de onte co tradicional acendido de lumes, mais aínda quedan dous días completos para desfrutar das festas con actividades lúdicas de balde para crianzas e maiores.

Tanto hoxe como mañá pola mañá abriranse as campas castrexas para recrear os oficios tradicionais. Dentro da oferta cultural destes días cobrará especial importancia a presenza de grupos locais. Como se ve a través da programación de eventos como a Parada etnográfica de música e baile tradicional, a cargo do Grupo Alxibeira do Padroado da Cultura de Narón, ou a representación teatral Lúa de Sangue da compañía de teatro comunitario de Sedes. Así mesmo, na programación haberá tamén espazo para xantares populares.

O grupo de música tradicional Tiruleque será o encargado de fechar as festas e despedirse dos celtas até o ano que vén.