A música de Guadi Galego centra o 'Sermos Galiza' desta fin de semana

O Proxecto Nós e os escravos galegos en Cuba compoñen tamén o semanario.
Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana (Foto: Nós Diario9.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana (Foto: Nós Diario9.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante a fin de semana. Desta vez a protagonista é a artista Guadi Galego.

Nunha entrevista feita por Xan Carballa, este explica antes da conversa coa poeta que “é unha das artistas máis admiradas da escena musical galega, presente desde moi nova, con 23 anos, en Berrogüetto. En solitario desde 2007 son xa moitos chanzos na escada: con Guillerme Fernández e Espido, e despois seis álbums (Benzón; Lúas de Outubro e agosto; O mundo está parado; Bóla de Cristal, Inmersión, Costuras e Roibén)”.

Proxecto Nós

Abre este número do Sermos cunha reportaxe sobre o Proxecto Nós de Intelixencia Artificial elaborada por Iago Varela.

"Un dos grandes obxectivos da Xeración Nós era o de elevar o status do galego a ámbitos nos que non estaba presente. Cen anos despois, o Proxecto Nós recolle a testemuña deste grupo de intelectuais para afrontar o maior reto para o futuro da lingua galega: facerse sitio na vangarda tecnolóxica e na contorna dixital, fornecendo unha ferramenta para que institucións e empresas poidan empregar o galego na sociedade da IA”, indica Varela no texto da reportaxe.

Previamente, na páxina de apertura, o escritor Lois Diéguez ofrece unha reflexión titulada ‘Ruediña non “rueda”.

Escravos galegos

A segunda reportaxe do semanario foi elaborada por Patricia Arias e titúlase ‘Galicia está pobre e á Habana vou’.

Arias explica que “En 1853 o galego Urbano Feixoo de Soutomaior (1808-1898), con intereses económicos en Cuba, fundou a Compañía Patriótica Mercantil e presentou ante as autoridades da illa un proxecto que pretendía facer da inmigración un negocio e suplir con campesiños galegos a man de obra escrava. Ademais, axudarían a branquear a poboación do país, moi ennegrecida tras tantos anos de trata de escravos”.

Literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Susana Sanches Arins analizan na sección de libros dúas obras.

No apartado musical, Belém Tajes analiza o disco de Xackal . Pola súa parte, César Morán asina un artigo que leva por nome ‘As cores dos sons’.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Os que fican: “Puro cine para amantes das historias ben contadas e que crean na máxima de que: ‘a xenerosidade move o mundo’”, indica Castro a respecto do filme.

O Colectivo Xea ofrécenos unha nova entrega na sección de Andar e Ver mentres Manuel Xestoso fai o propio na sección de Escena. Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios